Unhas 1600 empregadas de Bosch en Vigo, chamadas a tres días de folga contra a precarización laboral
Os arredor de 1600 empregadas/os de Bosch en Vigo están chamadas/os a tres xornadas de folga de 24 horas este mércores 5, o venres 7 e o luns 10 de xaneiro para rexeitar as pretensións da compañía do sector dos centros de chamadas de precarizar aínda máis as súas condicións laborais. Segundo explican dende a representación sindical, a dirección quere impoñer unha modificación substancial das condicións de traballo a 400 persoas tras verse obrigada a retirar o ERE que pretendía aplicarlle a 90.
O comité de empresa de Bosch (12 delegadas/os da CIG, 5 de CCOO, 5 de UGT e 1 independente) decidiu convocar os tres días de paro tras consultar co cadro de persoal nas distintas asembleas telemáticas que se levaron a cabo nos últimos días, tendo en conta que boa parte dos empregados/as atópanse en situación de teletraballo como consecuencia da pandemia.
Tal e como sinala o presidente do comité, Xulio Paramos, da CIG, o inicio do conflito laboral remóntase a comezos do pasado mes de decembro, cando Bosch presenta un ERE para 90 persoas que xustifica nunha suposta adaptación do persoal ás necesidades dun servizo pendente de concurso.
En concreto, a medida afectaría a 50 traballadoras/es dun departamento e a 40 de outro, que segundo a empresa sobrarían para facerse cargo dun servizo que Vodafone vai licitar.
Concentración diante da empresa
“Nada máis iniciar as negociacións coa empresa desmontámoslle esta argumentación, xa que non poden aplicar un ERE en base a futuríbeis, tendo en conta que aínda non sabe se vai resultar adxudicataria do servizo", indica Paramos. Entón deciden retirar o ERE, pero presentan unha modificación substancial das condicións de traballo para todo o persoal dos dous departamentos, arredor de 400 persoas.
“A medida inclúe cambios nas quendas horarias e reducións de xornada e non respecta nin a concreción horaria por garda legal”, denuncia. O comité anunciou que non vai aceptar estas modificacións “porque supoñen precarizar aínda máis as nosas condicións de traballo” e optou por promover a convocatoria de folga. Ademais, desenvolverá unha concentración diante das instalacións da empresa (rúa Barxa do Covelo) este venres día 7 de 12:00 a 13:00 horas.