Arranca a folga na Atención Primaria da Guarda, O Rosal e Oia cun seguimento practicamente do 100%
A primeira xornada da folga convocada pola CIG na Atención Primaria do Concellos da Guarda, O Rosal e Oia está rexistrando un seguimento de practicamente o 100% do persoal, malia os abusivos servizos mínimos impostos polo Sergas. A folga desenvólvese os días 21, 22 e 23 de decembro para demandar da administración galega máis persoal e contratos estables e dignos que permitan ofrecer unha asistencia sanitaria en condicións dignas.
A folga afecta a cada unha das categorías laborais que prestan servizo nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente, e durante as xornadas de paro, as traballadoras e os traballadores están aproveitando para recoller sinaturas entre os usuarios e usuarias en apoio á demandas do persoal e para manifestar a repulsa á política de desmantelamento da Atención Primaria aplicada pola Xunta de Feixoo.
Neste senso, Manuel Moreira, secretario da CIG-Saúde de Vigo, advirte da precaria situación da sanidade nestes concellos, a tal punto que hoxe, primeiro día da folga, no centro de saúde do Rosal "nin sequera se puideron cumprir os servizos mínimos porque están sen médico".
Moreira destaca a resposta cidadá á convocatoria da folga e chama a participar na manifestación que a plataforma en defensa da sanidade do Baixo Miño ten convocada para esta tarde, ás 19:30 horas, con saída na Alameda da Guarda.
Deterioro paulatino da Atención Primaria
O responsábel sindical alerta da situación de fraxilidade na que se atopa o conxunto da Atención Primaria en Galiza e “que se manifesta con especial gravidade nestes tres concellos". Por iso, con esta folga convocada pola CIG "pretendemos que se abra un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha Atención Primaria digna”.
Denuncia que o Sergas se escude en que non hai persoal médico para deixar sen cobertura as prazas, cando esta é unha situación derivada da política laboral de precariedade posta en marcha polo PP. "O primeiro que ten que facer a administración é incentivar os postos nas zonas rurais para tratar de estabilizar as e os profesionais", apunta Moreira.
A este respecto, CIG-Saúde advirte que no último ano se produciu unha diminución progresiva de profesionais médicos nestes concellos e non se están cubrindo as ausencias do persoal, o que desemboca na perda de garantía da asistencia sanitaria.
Ademais, a centralización da atención pediátrica dos concellos de Oia e do Rosal no centro de saúde da Guarda, xunto coa non reposición da baixa da pediatra destes municipios, "satura por unha parte as consultas pediátricas da Guarda, e provoca por outra parte, a demora na detección de problemas potencialmente graves nas crianzas dos dous primeiros". Xunto a isto, denuncian que nas quendas de noite só hai un único equipo médico para atender a poboación das tres localidades.
Coberturas das ausencias, contratos estables e mais recursos
Por iso, con esta folga quérese demandar a cobertura a cobertura do 100% das ausencias de persoal sanitario; contratos prolongados e dignos para o persoal, de maneira que se garanta a continuidade asistencial; que estes centros teñan a consideración de "difícil cobertura" para garantir unhas mellores condicións que atraian persoal; que se dote o PAC dun segundo equipo médico para non quedar sen atención nos casos de abandono do centro por unha emerxencia; e que rematen as políticas de recortes e precariedade da Xunta.