Arranca a folga indefinida no servizo de limpeza do Abente y Lago pola readmisión do persoal despedido
Ao berro de "Lacera despide, o SERGAS consinte", as traballadoras e os traballadores do servizo de limpeza do Hospital Abente y Lago daban inicio este martes á folga indefinida para reclamar a readmisión das 5 compañeiras e compañeiros despedidos e denunciar a sobrecarga de traballo que padecen.
Lacera fíxose co contrato o pasado 1 de febreiro e a primeira medida que adoptou foi non subrogar a cinco persoas que teñen recoñecido este dereito e cuxos postos de traballo figuran nos pregos de condicións. Pero despois dos múltiples intentos das delegadas e da CIG-Servizos de falar coa concesionaria, “a día de hoxe seguimos sen saber nada da empresa, está desaparecida e non hai ningún representante con capacidade de decisión con quen falar”, denuncia o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Pérez.
Apunta que nos actos de conciliación polos despedimentos, previos á vía xudicial, Lacera enviou a un avogado que se limitou a dicir que o persoal despedido non cumpre os requisitos de subrogación, sen aclarar cales, e desviou a resolución do conflito aos xulgados.
Pérez denuncia que con estes despedimentos a empresa busca dar un exemplo ao resto do persoal e amedrentalo de cara ao futuro. Neste senso, advirte que ademais de deixar sen traballo a 5 persoas, o propio servizo de limpeza hospitalaria deteriorouse posto que o cadro de persoal xa estaba moi axustado. Agora, con menos persoal, a carga de traballo resulta imposíbel de atender.
Xunto a isto, alerta que falta material e que Lacera tampouco cubre as ausencias. "Aparentemente hai contratación polo cupo de persoas con diversidade funcional, pero a empresa non lle facilita ningunha información ás delegadas, non hai contratos, non hai cuadrantes, nada de nada", critica.
O SERGAS non se implica
Desta situación Pérez culpa tamén ao SERGAS que, malia coñecer os problemas no servizo, négase a asumir a súa responsabilidade como titular da contrata, alegando que non detecta ningún incumprimento. Pero esta afirmación choca coa imposibilidade de cumprir cos servizos mínimos impostos para a folga polo propio SERGAS, que nalgún caso estabelecen máis persoal do que hai habitualmente.
Como exemplo, o secretario da CIG-Servizos explica que na quenda de mañá o SERGAS impuxo uns servizos mínimos de 8 persoas "aínda que moitos días o número de persoas traballando non chega sequera a esta cifra".
Roberto Pérez lembra que esta non é a primeira ocasión que Lacera accede a un contrato do CHUAC, posto que hai uns anos prestou a limpeza do Hospital da Coruña. Durante todo o tempo que estivo no servizo foron numerosos os incumprimentos laborais e as denuncias que a representación social tivo que presentar por esta razón tanto na Inspección de Traballo como nos xulgados.