Arranca a folga indefinida en Veolia (contrata de Inditex) para esixir a readmisión do compañeiro despedido
O 100% dos traballadores de Veolia (empresa que realiza unha parte do mantemento de Inditex) está secundando a folga indefinida que se iniciou ás 23:00 horas deste domingo para esixir a readmisión do compañeiro despedido. Para dar maior visibilidade á súa loita, o persoal ten convocadas concentración todos os días desta semana diante da sede de Inditex (no Polígono de Sabón) de 09 a 10h e de 18:30 a 20h, coincidindo cos cambios de quenda. O venres día 14, a mobilización desenvolverase entre ás 14 e ás 15:30h.
Nesta primeira xornada de paro xeral, os traballadores apostáronse ás portas de Inditex con tendas de campaña, parasoles e lonas para evidenciar a súa disposición e firmeza a manter a folga até que a empresa se aveña a negociar e readmita o compañeiro despedido. Porén, ás 16:30 horas, a policía local ordenoulles desmontar as tendas e as lonas, que tamén lle servían para protexerse da choiva, indicándolles que non poden ter nas concentracións ningún outro elemento que non sexan as persoas.
Sobre o carácter indefinido do paro, dende CIG-Industria avanzaron que estarán vixilantes e que non van permitir ningún intento de esquirolaxe por parte de Veolia ou de Inditex .
Un despedimento fulminante e inxustificado
O despedimento de Rubén (que leva 12 anos facendo servizos de mantemento de Inditex) produciuse de maneira tan inesperada e fulminante que nin sequera se lle permitiu acceder ás instalacións para poder recoller as súas pertenzas, que tivo que recuperar a través doutro traballador.
Veolia, pola súa parte, pretende xustificar a medida alegando que o posto que ocupaba o traballador (mantemento de grupos electróxenos de emerxencia) queda baleiro porque vai ser subcontratado a outra empresa para 'mellorar o servizo'. Para a CIG-Industria chama moito a atención que Veolia fale dunha mellora "cando a nova empresa aínda non se fixo cargo do servizo e son o resto de traballadores de Veolia quen se teñen que ocupar de manter operativos os grupos electróxenos".
Pero ademais, CIG-Industria subliña que Veolia ten sitio para recolocar o traballador, pois non hai que perder de vista que uns días antes de comunicar o despedimento, procedeu á contratación de dous novos operarios. Ademais, o traballador afectado podería ser tamén subrogado pola nova contrata, tal e como xa acontece noutros traballos que Inditex ten externalizados.
Ofensiva contra os dereitos nas contratas
Por iso, para a CIG-Industria esta decisión haina que enmarcar na ofensiva contra os dereitos laborais que Inditex está levando adiante para impedir que os traballadores e as traballadoras das súas contratas consoliden dereitos, se organicen e melloren as súas condicións de traballo e salariais. "Con este tipo de despedimentos selectivos, o que se busca é desfacerse do persoal con máis antigüidade para evitar que consolide dereitos e crear un clima de medo para que os traballadores non se atrevan a reclamar melloras", denuncian.
A este respecto, lembran que está aberta dende hai dous anos unha mesa de negociación para mellorar as condicións do persoal de Veolia, que tamén está pelexando para que se lle recoñeza o dereito á subrogación como xa existe noutras contratas de Inditex.