Arranca a folga do persoal de INDASA en defensa dos seus empregos e o dereito á subrogación
Os traballadores de INDASA que se encargan do mantemento das cabinas de chorreo e pintado de Navantia iniciaron este luns folga indefinida en defensa da continuidade dos seus empregos e para que se respecte o dereito á subrogación recollido no convenio de siderometal da Coruña.
Dende o arranque da xornada laboral e durante tres horas, os traballadores estiveron na porta de Navantia Ferrol repartindo folletos informativos para explicarlle ao resto do persoal do estaleiro cal é a súa situación laboral e que demandan. O próximo mércores farán reparto tamén durante tres horas, mais desta volta no estaleiro de Fene.
Cómpre lembrar que estes 10 traballadores corren o risco de quedar na rúa a partir do 1 de decembro, xa que Navantia non prorrogou o contrato do servizo (adxudicado a INDASA) nin licitou a nova concesión, polo que os operarios non terían empresa na que subrogarse. Ademais de quedar sen emprego no curto prazo, o problema está en que se Navantia decide atrasar a licitación máis de seis meses, os traballadores perderán o dereito á subrogación.
Este dereito - que está recollido no convenio colectivo de aplicación, o de siderometal da provincia da Coruña- conseguiuse despois dunha durísima loita e ten como obxectivo dar estabilidade laboral ao persoal das auxiliares. Por iso, a CIG-Industria advirte que non consentirá que se pretenda deixar sen efecto a subrogación e exíxelle a Navantia que, de inmediato, saque as licitacións pendentes.
A este respecto, e despois das presións exercidas pola CIG, a pasada semana conseguiuse abrir negociacións tanto con Navantia como coa empresa contratista, INDASA, para buscar solucións que permitan a estes traballadoras manter os seus empregos e os seus dereitos. Unha solución que, apunta a CIG-Industria, non debería ser moi complexa tendo en conta que hai actividade noutras cabinas e en cuestión de meses chegará unha importante carga de traballo aos estaleiros da ría.
"Imos dar unha marxe para a negociación e agardamos que as conversas fructifiquen de maneira satisfactoria. Pero se isto non acontece, tomaremos todas as medidas que sexan oportunas na defensa dos postos de traballo e dos dereitos do persoal das auxiliares", advirte a CIG-Industria de Ferrol.