Arracanca a folga indefinida en Maitours (Alsa Ferrol) cun seguimento do 90% do persoal
A primeira xornada da folga no transporte de viaxeiros/as por estrada de Ferrol, Neda e Narón está rexistrando un seguimento do 90%. Con este paro, de carácter indefinido, reclámaselle á empresa Maitours que remate coa discriminación que sofre o persoal e que de inmediato proceda a aplicarlle o convenio provincial do sector.
A folga transcorre sen incidencias e dende primeira hora o piquete informativo despregouse na estación, onde se comprobou que só estaban saíndo os autobuses designados como servizos mínimos. Xesús Pastoriza, responsábel de transportes da FGAMT-CIG, sinala que, dende a comunicación da convocatoria, a empresa non mantivo ningún contacto coa representación social. E na mesma liña, lamenta a falta de intermediación no conflito tanto da Xunta como dos concellos afectados, a pesar dos efectos do paro na prestación deste servizo público.
Maitours forma con Intercar a UTE que ten adxudicado o servizo de transporte de viaxeiros/as de Ferrol e as conexións con Neda e Narón. Ambas empresas pertencen ao grupo Alsa, pero ao persoal que se subrogou en Maitours continúaselle aplicando o convenio que traían de Tranvías de Ferrol, de condicións inferiores ao convenio provincial do sector.
Ante a negativa da empresa a regularizar a situación, a CIG presentou a correspondente denuncia e a xustiza determinou que Maitours ten que pasar a estes 40 traballadores/as ao convenio provincial do transporte de viaxeiros/as. Porén, explica Pastoriza, na sentenza fíase este cambio a que o convenio estea publicado no BOP.
O problema agora "é o boicot da patronal, que pon calquera escusa para non sentar e asinar o convenio, a pesar de que xa está todo acordado e que as táboas salariais xa foron publicadas". Precisamente, a CIG entende que unha vez que xa foron publicadas as táboas salariais "a empresa debe executar a sentenza e aplicar de inmediato a parte económica, aínda que non estea publicada a integridade do convenio".
Porén, e a pesar das diferentes xuntanzas e chamamentos, a empresa segue manténdolle as condicións de Tranvías ao persoal subrogado e incluso está aplicándolle este convenio aos traballadores e traballadoras de nova incorporación, algo que constitúe unha manifesta ilegalidade.
Pastoriza acusa á propia Alsa de instar esta demora na sinatura do convenio para non ter que abonarlle os incrementos salariais ao persoal Maitours e, nomeadamente, o concepto da antigüidade, que no convenio de Tranvías non existía, así como o pago das dietas.
De feito, a diferenza dos compañeiros e compañeiras de Intercar, que viron actualizados os salarios conforme o marcado no convenio provincial, o persoal de Maitours leva cos soldos conxelados dende o ano 2020, a pesar do custe disparado da vida e do aumento do volume de traballo que se rexistrou neste tempo.