Arquivan a causa xudicial contra catro sindicalistas ourensáns acusados de ameazas nas protestas do sector da limpeza
Os feitos denunciados retrotráense ao pasado mes de marzo, cando no marco das múltiples mobilizacións das traballadoras/es da limpeza en defensa do seu convenio colectivo a Policía española procedeu a identificar a Anxo Pérez Carballo e Etelvino Blanco da CIG, Rogelio Cibeira da UGT e Antonio Pérez Jácome de CCOO.
Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense valoran positivamente a suspensión do xuízo e o arquivo da causa “por quedar demostrado con total contundencia (a falta de acusación é a proba máis palpábel) que non existiu delito na actuación das traballadoras/as da limpeza nin dos seus representantes sindicais”.
Neste senso, denuncian os reiterados intentos da Confederación de Empresarios da provincia e dos axentes da Policía española de criminalizar a acción sindical, “moi especialmente cando se trata de dirixentes ou membros da CIG”.
Ao mesmo tempo, trasládanlle o seu agradecemento á ampla representación de delegados/as dos tres sindicato que se concentrou ás portas dos Xulgados en solidariedade cos afectados.
Finalmente, lembran que o que realmente os levou a comparecer ante a Xustiza “é a defensa dun convenio xusto e digno para as traballadoras/es da limpeza de Ourense, polo que xa anunciamos que volveremos ás mobilizacións con máis forza e intensidade”.