CIG-Área Pública responde ás falsas declaracións do conselleiro de Facenda
En relación ás declaracións do Conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, a Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) quere manifestar e recordar que esta central sindical abandonou a mesa de negociación relativa aos orzamentos da Xunta no capítulo 1, por non terse achegado ningún tipo de documentación previamente, nin tampouco durante a propia reunión.
Denuncian que xa se converteu en "mal hábito do goberno da Xunta do PP" considerar as mesas de negociación como un mero trámite no que realmente non se negocia ningunha cuestión relativa ao persoal empregado público. Así, ao comezo da xuntanza do pasado 1 de decembro, a CIG solicitou o aprazamento da Mesa e unha nova convocatoria para a que se proporcionara previamente ás centrais sindicais a documentación necesaria.
Ante a negativa de Función Pública, optouse por abandonar e mesa e tal e como se anunciou naquel momento, a Área Pública da CIG está tramitando accións xurídicas pola vulneración continuada do dereito á negociación colectiva e de cara a corrixir estes malos hábitos da administración galega.
A este respecto, a CIG lembra que calquera negociación que pasa por “pór enriba da mesa a recuperación dos dereitos laborais e económicos do persoal das administracións públicas galegas”. Unha cuestión “irrenunciábel” xunto coa recuperación do emprego público e a blindaxe dos servizos públicos.