Área Pública mobilizarase contra uns orzamentos estatais "que non garanten os servizos públicos"
Á área pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) ten convocada unha concentración para o mércores 28 de xuño, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña, coincidindo coa aprobación final dos Orzamentos Xerais do Estado para 2017. Con esta mobilización quérese amosar unha vez máis o rexeitamento a uns orzamentos que non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e pola contra afondan no desmantelamento dos servizos públicos.
Ademais, lembran dende Área Pública, os orzamentos "veñen acompañados e co visto bo" dun acordo en materia de emprego público asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no ámbito das administracións públicas, que baixo o nome de "Acordo para a mellora do emprego público" non é máis "que un lavado de cara para o goberno". Neste senso, subliña a Área Pública, este pacto non só non elimina as taxas de reposición de efectivos, senón que as vén consolidar "agora co parabén dos sindicatos estatais".
Xunto, denuncian que ese acordo tampouco posibilita a creación de prazas novas en ningunha das administracións e non contempla nin a recuperación dos dereitos laborais suprimidos nin das condicións salariais recortadas.
Coa mobilización do mércores 28, a Área Pública da CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas anteriormente para rexeitar ao proxecto de orzamentos xerais e contra deste lesivo acordo.