ARCO: un novo parche na política educativa da Consellaría
Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación (ARCO). Con este acrónimo a Consellaría de Educación fai pública unha nova modalidade de contrato-programa financiado con fondos do Ministerio de Educación e o Fondo Social Europeo que se destinará á contratación de 90 docentes a xornada completa para centros de Primaria e a 72 a media xornada para IES ou CPI. O novo programa limítase ao reforzo de alumnado de 6º de Primaria, 1º e 4º da ESO.
Nun momento no que está cada vez máis claramente cuestionada a política educativa e de persoal en particular, do goberno galego, tendente á redución de docentes nos dous últimos orzamentos (2019 e 2020), a mesma administración educativa que se nega a diminuír as ratios ou a autorizar desdobres ou evita que se incremente dun xeito importante o profesorado de apoio, lanza agora unha nova liña de “concorrencia competitiva” dirixida aos centros educativos.
Nin universalidade nin incidencia efectiva na necesidade de reforzo educativo
Dos máis de 900 centros galegos con Primaria e ESO o ARCO só chegará a 126 centros educativos (90 de Primaria e 36 de secundaria). É dicir, a contratación de profesionais de apoio non chegará nin ao 14% dos centros.
A oferta limítase a determinados cursos e non permite que os centros poidan empregar os escasos recursos humanos que recibirá para outros cursos ou necesidades. Ademais, fixa un mínimo de alumnado para poder optar ao programa (10 alumnos ou alumnas en 6º de Primaria e 1º da ESO e 8 en 4º da ESO) que implica a exclusión de facto de centros rurais e de pequenas dimensións.
A contratación de novo persoal está limitada a 1 docente por centro con independencia das dimensións destes, co que nos poderiamos atopar que un centro puidese contar cun posto vinculado ao programa ARCO para atender ao dobre ou ao triplo de alumnado que noutros centros, xa que non figura un número máximo ou ratio alumnado-docente.
A posta en marcha deste novo contrato-programa incide nunha liña de xestión da política educativa coa que a CIG-Ensino se ten mostrado sempre moi crítica. Nin os PROA nin agora os ARCO dan resposta xeral e planificada a unha realidade que se debe afrontar cun deseño que parta do aumento dos cadros de persoal en todos os centros e un reforzo do apoio educativo. Para afrontar os problemas do noso alumnado debemos ter máis recurso nos propios centros e cun profesorado suficiente para desenvolver actuacións que respondan ás propias necesidades que como equipos docentes detectamos e debemos afrontar.
O verdadeiro “programa” non pode ser un “contrato”; ten que ser o resultado dunha organización seria, rigorosa e alongada no tempo, froito dun debate previo da Consellaría co profesorado e que se centre nun incremento de docentes e na mellora das condicións nas que realizamos o noso traballo (horario lectivo, ratios, desdobres, carga burocrática,…).
Medidas como a nova proposta da Consellaría son un parche que terá unha afectación mínima sobre os centros, chegará tarde e non consolidará respostas mantidas no tempo, aumentando a burocracia que xa abafa ao profesorado en xeral e aos equipos directivos en particular.