
Apróbase a recuperación da xubilación forzosa para o persoal docente e investigador laboral das universidades galegas

A CIG-Ensino asinou, xunto co resto de sindicatos, un acordo que recolle a esixencia da central sindical de que non se perda ningún posto de traballo. Tamén se pactaron as adaptacións necesarias polos cambios lexislativos e a apertura de negociacións dun novo convenio.
Na reunión da comisión negociadora do convenio colectivo do persoal docente e investigador (PDI) laboral das tres universidades públicas galegas celebrada o pasado venres día 7 de febreiro asináronse dous acordos que nacen das negociacións previas nesa mesma comisión.
O primeiro deles fai referencia á actualización normativa necesaria para acomodar o actual convenio coas modificacións que se foron producindo recentemente, en especial no quen afecta as figuras do PDI reguladas na Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU). Todos os cambios estaban aplicándose de facto, mais cumpría trasladar esa realidade ao texto do convenio.
Frear a prolongación da vida laboral e xerar emprego
Na reunión asinouse igualmente unha modificación do actual artigo 42, recuperando o que no seu día foi a regulación da xubilación forzosa do PDI laboral aos 70 anos, a mesma idade que o PDI funcionario.
A reforma das pensións deixara sen efecto ese artigo, polo que o PDI laboral podía prolongar a súa vida laboral na universidade, na liña de estendela todo o posíbel. Esta extensión está precisamente na liña dos últimos cambios impulsados desde o Goberno estatal e foi rexeitada pola CIG-Ensino. Xa que a prolongación da actividade laboral provoca un bloqueo no acceso de novo persoal docente e investigador.
O texto finalmente pactado contou co apoio unánime das tres universidades e das catro organizacións sindicais (CIG, CCOO, UGT e CSIF, en orde de representación)
Acordo para constituír a comisión negociadora do III convenio
O último acordo adoptado na reunión foi o de constituír a comisión que se encargará de negociar un novo convenio colectivo para o persoal docente e investigador das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.
A comisión estará integrada por 15 representantes das universidades -cinco por cada unha delas- e 15 pola representación do PDI, cun reparto proporcional ao resultado das eleccións sindicais de 2023: CIG 5, CCOO 4, UGT 3 e CSIF 3.
A primeira reunión, na que quedará fixado un calendario e se abordará xa a negociación do convenio, terá lugar o venres 21 de febreiro.