Aprobado o relatorio de Organización con 405 votos a favor, 0 en contra e 3 abstencións
O pleno do Congreso da CIG vén de aprobar con 405 votos a favor, 0 en contra e 3 abstencións, o Relatorio de Organización e Estatutos. Un documento que salienta o papel da CIG como “instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase”, que foi o que levou á central sindical a ser hoxe primeira forza en representatividade en Galiza.
Imaxes votación do Relatorio de Organización e Mesa Presidencial
Imaxes das intervencións de delegacións convidadas
O Relatorio fixa como obxectivo para o próximos anos “consolidar e ampliar” a maioría sindical acadada pola CIG, para o que considera imprescindible que a central sindical tamén consolide no plano organizativo e ideolóxico o avance, tendo en conta que o poder económico e o poder político “van recruar a súa ofensiva para que a CIG non siga avanzando”.
Asume ademais que “a clave está en sermos un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas/os e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.
Para conseguir estes obxectivos aposta por reforzar os piares fundamentais: asemblearismo, participación, combatividade e construción de organización. Acumulando máis forzas para “construír poder sindical, porque onde hai sindicato, hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida”.
Chama, xunto a isto, a aproveitar ao máximo as fortalezas que representa o modelo sindical da CIG para actuar en defensa dos intereses da case traballadora, especialmente nos centros de traballo onde non hai presenza sindical, pero tamén nos lugares onde a precariedade e a individualización das relacións laborais está a orde do día.
Ofensiva do capital contra o traballo
A central sindical prepárase tamén para afrontar a ofensiva do capital contra o traballo, no actual contexto de crise. Unha ameaza contra a que aposta por fortalecer a resposta unitaria da clase traballadora de forma que “os sectores que están en mellores condicións de loita fagan súas as reivindicacións dos sectores máis desprotexidos”.
Non hai mellora real das condicións de vida nin dereitos que non pase pola permanente confrontación social, pero tamén ideolóxica, contra o poder económico e político”
Advirte ademais de que a pandemia e as súas consecuencias devastadoras chaman a “redobrar os esforzos para evitar que o medo e a desmobilización facilite a saída que o capital ten deseñado e que vai frontalmente en contra dos nosos intereses como clase traballadora galega”.
Por iso o documento propón unha acción sindical atrevida e decidida en todos os ámbitos e coherente coa alternativa que representa e defende a CIG. De feito alerta de que “o maior perigo do sindicalismo é non saber estar á altura de cada momento e substituír o conflito pola conciliación, polo pacto e o diálogo social mentres o capital avanza impoñendo o seu modelo”.
Entende que “non hai mellora real das condicións de vida, non hai dereitos, non hai fin da explotación de clase que non pase pola permanente confrontación social, pero tamén ideolóxica, contra o poder económico e político”. E conclúe que “combinar correcta e oportunamente a formulación de propostas coa mobilización será o que marque o camiño para a súa consecución”.
Medre en representatividade e afiliación
O documento salienta o medre afiliativo constante desde o anterior congreso, o que garante manter a autonomía financeira da central sindical e, xa que logo, “a independencia do noso labor sindical”. Un medre que se pretende manter establecendo plans anuais de afiliación e seguimentos trimestrais de evolución.
Este medre viu acompañado ademais, dun cambio histórico na representatividade sindical en Galiza, no período 2016-2019, ao situarse como primeira forza con 4.548 delegadas e delegados, “a única central sindical, das tres maioritarias, que aumentou a súa representatividade”.
Isto sitúa á central sindical nacionalista como primeira en representatividade sindical como xa o era en combatividade e en afiliación. Unha posición que se acada nun contexto de grande precariedade laboral e cunha grave crise industrial, o que constata que a CIG “é recoñecida como a organización que máis e mellor defende os interese s da clase traballadora”.
O relatorio planifica ademais o traballo de cara ao novo período concentrado de eleccións sindicais nos centros de traballo, salienta a importancia da comunicación da acción sindical que se desenvolva, fixa os métodos de traballo e funcionamento dos organismos de dirección e a relación da acción sindical coa acción xudicial que, advirte, “non pode substituír o sindicalismo”.
Xunto a isto, a central sindical seguirá reforzando o colectivo de xubilados/as e pensionistas para favorecer unha maior implantación territorial en todas as comarcas e federacións articulando comisións comarcais con dinámica, participación e actividade propia. Como tamén fortalecerá o plan de axuda alimentaria, como unha rede de apoio a persoas desempregadas, diante da precaria situación económica que padecen moitas familias.
A CIG, organización feminista
Malia as dificultades para combinar as reivindicacións obreiras e proletarias co novo modelo social reivindicado polas mulleres, nun momento como o actual, “profundamente influído por dinámicas estatais, onde o feminismo académico e institucional ten unha grande forza e unha grande capacidade de influencia”, a CIG foi quen de rachar esa inercia e de introducir na axenda do movemento feminista galego as demandas do feminismo de clase.
Durante este período impulsou a convocatoria de folgas só dirixidas a mulleres para visibilizar o espazo baleiro que deixan cando abandonas as tarefas que se lles atribúen mais tamén para poñer o foco na necesidade de que se recoñeza o valor social dos coidados.
Intervención de delegacións convidadas
Durante a sesión de mañá, tamén interviñeron unha parte das delegacións internacionais convidadas a este Congreso. Tomaron a palabra Pieris Pieri, responsábel para Europa da FSM e de Relacións Internacionais de Pancyprian Federation of Labour (PEO), de Chipre; Bárbara Figueroa, do Secretariado da CSA e Vicepresidenta de Relacións Internacionais da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) de Chile; Luís Primo López, comisionado no Estado Español do Goberno Bolivariano de Venezuela; Joaquina Almeida, Secretaria Geral da UNTC de Cabo Verde ; e Rosario Rodríguez Remón, xefa do departamento de Relacións Internacionais, da CTC de Cuba.