Aprobado o relatorio de Organización con 378 votos a favor e 1 abstención

O IX Congreso da CIG reafirma o modelo de sindicalismo de contrapoder apostando por unha organización forte para transformar Galiza
- 24 Mai 2025

O IX Congreso da CIG vén de aprobar o Relatorio de Organización con 378 votos a favor e 1 abstención. Quedan así aprobadas as liñas que guiarán á central sindical para fortalecer a organización interna e potenciar a acción sindical nos centros de traballo, coa garantía da independencia económica e política que ten o sindicato. Desde o relatorio faise un chamamento á militancia para transformar a realidade laboral e social en Galiza.

No Relatorio sublíñase que a organización é o piar dun modelo sindical baseado no conflito para conquistar dereitos e transformar a realidade. A central nacionalista aposta por unha estrutura viva, con forte compromiso militante, que responda ao seu crecemento en afiliación e representación. Para iso, propón superar os funcionamentos burocráticos, potenciando organismos de dirección áxiles e colectivos e insistindo na necesidade de recuperar as asembleas presenciais como espazo de debate e mobilización, fundamentais para resistir a precariedade, o desemprego e as desigualdades.

Como primeira central sindical en Galiza, chama a intensificar a acción nos centros de traballo a través das seccións sindicais, a "espiña dorsal" da organización. Entende que, para iso, estas deben dinamizarse para implicar á afiliación e enfrontar desafíos como a dixitalización, o teletraballo e o illamento laboral. Do mesmo xeito considera as Unións Locais como ferramentas para ampliar a presenza do sindicato en todos os territorios, coordinándose coas federacións e a confederación.

A CIG asume, pois, que as asembleas continúan a ser a forma máis eficaz de resistir a ofensiva, de defender e avanzar en dereitos dándolle resposta aos problemas concretos na conquista de máis dereitos, liberdades e garantías e por unha Galiza libre de explotación. “As persoas traballadoras teñen a necesidade e o dereito a coñecer cales son os pasos que dan no día a día quen os representa”, afírmase no relatorio.

Enténdese ademais que sen participación non hai protagonismo da clase obreira, e polo tanto non hai democracia e que as asembleas axudan a que haxa maiores cotas de debate para que as persoas traballadoras participen, opinen, decidan e comproben que non son simples espectadoras. “Nos últimos anos, as loitas laborais son tamén loitas de carácter ideolóxico, e para conseguirmos que a correlación de forzas nos sexa favorábel é preciso incidirmos na conciencia das persoas traballadoras”.

Participación e compromiso militante

A participación da afiliación e das delegadas é un principio esencial da CIG, clave para a democracia interna e o compromiso militante. O sindicato non se limita a xestionar a realidade, senón que aspira á súa transformación revolucionaria, o que require unha acción colectiva baseada na conciencia nacional e de clase. Propón, por iso, revitalizar os organismos de dirección, promovendo dinámicas participativas e unha planificación colectiva con tarefas definidas, fuxindo do individualismo.

No documento analízase tamén o papel do persoal da CIG, tanto asalariado como sindicalista, ou das asesorías xurídicas, mais tamén a importancia da formación continua das delegadas, en dúas direccións: unha técnica (dereitos laborais, negociación colectiva, igualdade) e outra ideolóxica (principios nacionalistas e de clase, análise do capitalismo).

A este respecto, apóstase por plans anuais de formación, con obxectivos claros e bases de datos para avaliar o seu alcance, considerando o debate colectivo como unha ferramenta formativa en si mesma.

Independencia financeira

A independencia financeira é unha prioridade histórica da CIG, reforzada tras a crise de 2008. Medidas como o control de gastos e o aumento de afiliadas permitiron consolidar unha solvencia económica que garante a autonomía sindical. Os recursos, principalmente as cotas sindicais, asúmense como un acto de solidariedade de clase. Por iso, a central sindical comprométese a unha xestión rigorosa para apoiar os obxectivos estratéxicos.

Comunicación pública

Ante o cerco mediático dos medios públicos e privados, que silencian as propostas e loitas encabezadas pola central sindical, sublíñase a necesidade dunha comunicación rápida, rigorosa e responsable. Con todo, o sindicato prioriza o contacto directo coa afiliación e combinar redes sociais, materiais físicos (boletíns, revista Enxergar) e asembleas presenciais para rachar co bloqueo informativo.

O IX Congreso da CIG reafirma, pois o modelo de sindicalismo nacionalista e de clase, apostando por unha organización forte, participativa e independente economicamente para enfrontar a precariedade e transformar Galiza. A través da acción sindical, a formación e a autonomía financeira, a central busca consolidarse como ferramenta de loita e integración social para a clase traballadora galega.

Intervención das delegacións convidadas

Despois da elección da mesa presidencial do Congreso e previamente a votar o Relatorio de Organización e as modificacións estatutarias, tomaron a palabra algunhas das delegacións convidadas. Na sesión da mañá, interviñeron Pierpaolo Leonardi, responsábel da FSM en Europa e de L'Unione Sindacale di Base de Italia (USB); Jeremias Duzenta Timana, pola Comunidade Sindical dos Países de Lingua Portuguesa (CSPLP); Adilson Araújo, presidente da Central dos Trabalhadores/as do Brasil (CTB); Adolfo (Fito) Aguirre, responsábel de Relacións Internacionais  da Central de Traballadores/as Arxentinos/as Autónoma (CTA-A); Leobanys Ávila Góngora, membro do Secretariado Nacional da Central de Traballadores/as de Cuba (CTC); e Beatríu Cardona, voceira da Intersindical Valenciana (IV).