O Relatorio de Organización sae adiante con 313 votos a favor, 23 en contra e 16 abstencións

Reforzar a presenza da central nos centros de traballo, a afiliación e a representatividade, eixos principais
Nacional - 27 Mai 2017

» ACCEDE AQUÍ AOS VÍDEOS DO VII CONGRESO 

O VII Congreso da CIG ratificou as propostas recollidas no relatorio de Organización con 313 votos a favor, 23 en contra e 16 abstencións. Un texto no que, para combater o modelo neoliberal que nestes anos impuxo un proceso de precarización laboral a todos os niveis, a CIG asume que é absolutamente imprescindíbel unha central sindical “viva, dinámica, insubornábel, que practique un sindicalismo combativo, antipacto social, participativo e defensor dunha Galiza democrática e soberana”.

Establécese ademais como un dos obxectivos prioritarios da central sindical a formación de cadros; a loita contra o individualismo e a insolidariedade; a mellora na planificación, seguimento e constancia do traballo sindical, en todo o relativo a convenios colectivos, a afiliación e a eleccións sindicais; a información e formación dos delegados e delegadas, a visita aos centros de traballo ou a execución e priorización das campañas.

A CIG parte de que “a renuncia á politización, ideoloxización e compromiso militante dos cadros da central sindical levaría consigo a despolitización e desideoloxización da nosa práctica sindical, das nosas análises e do enfoque dos propios conflitos laborais e, ao cabo do tempo, o abandono da loita de clases, da defensa da soberanía e do socialismo, para finalmente integrármonos no sistema, converténdonos nunha central sindical máis asimilada por este”. Unha situación na que considera que están unha parte moi importante das organizacións sindicais europeas, empezando polas maioritarias do Estado español.

Sindicato e poder

Outra das prioridades marcadas é pór en valor o papel dos sindicatos como fonte de conquistas e de poder da clase traballadora, fronte ao poder político e económico. Un poder que queda patente cando se comparan as condicións salariais e laborais que se conseguen naquelas empresas nas que as traballadoras e traballadores están organizados, fronte as peores condicións que se dan nas que non o están.

Asúmese tamén a necesidade de adaptar a acción sindical á dupla realidade que se está a conformar dentro da clase traballadora: por unha banda a dos sectores especialmente afectados pola deterioración das condicións de traballo e dos dereitos sociais e a dos sectores con traballo con certa estabilidade e dereitos. Dúas realidades que dar unha resposta como clase para as que a central sindical entende que é imprescindíbel “crear organización sindical (afiliación, eleccións sindicais, representación sindical…)” como “garantía dos nosos dereitos e da mellora das nosas condicións laborais e salariais”.

Un proceso de adaptación no que a CIG considera que debe primar a solidariedade de clase, reforzando o sindicato como a expresión viva e organizada, que ten estrutura e capacidade de iniciativa e de resposta. “Somos unha organización que non se resigna á pasividade, que non fica na desmobilización, senón que acreditamos na nosa capacidade de enfrontar esta situación”.

Reforzar a presenza e o debate

Para este período a central sindical encoméndase “reforzar o asemblearismo, a participación, a mobilización, a combatividade e a construción de organización, para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da sociedade”.

Parte de que a loita e o conflito concreto son o inicio da toma de consciencia, pola clase traballadora, “da nosa situación de explotación de clase e nacional” e que é imprescindíbel, para manter o recoñecemento e a credibilidade do modelo sindical que representa “incrementar o noso dinamismo, mellorar o coñecemento do que sucede nos diferentes sectores e centros de  traballo, atinar na formulación das alternativas concretas, pórse á fronte das loitas sociais e encabezar a conflitividade social, sexa na negociación colectiva, sexa para combater a precariedade ou contra a destrución de emprego”, entre outras.

A afiliación

Reforzar e incrementar a afiliación é tamén obxectivo esencial porque é o piar que permite ter estrutura sindical, dar a resposta acaída ás agresións que sofre a clase traballadora galega e a garantía para contar con autonomía económica e independencia fronte o poder político e económico.

Eleccións sindicais

Neste período acardáronse visíbeis avances nos resultados electorais, chegando a porcentaxes históricas de representación a nivel nacional. En todo caso, considera que seguen sendo necesarias medidas para “uniformizar e unificar as liñas de actuación”.

Por iso o VII Congreso acordou a constitución de comisións electorais en cada comarca, de puntual reunión mensual, e de obrigada asistencia para liberados/as e axentes sindicais; xerar unha dinámica participativa cos delegados e delegadas, coa convocatoria de asembleas, como mínimo, cada dous meses; visitas e presenza regular nos centros de traballo onde haxa delegados/as, mais tamén naqueles nos que non se obtivera representación e mellorar en aspectos organizativos como a posta ao día dos ficheiros de delegados/as, así como tamén dos delegados/as de prevención.

A organización sindical na empresa

A central sindical asume que é imprescindíbel organizar os traballadores e traballadoras nos centros de traballo, fomentar a súa participación con asembleas periódicas e promover a constitución de seccións sindicais “de cara a que sexan os/as verdadeiros/as protagonistas das reivindicacións e das conquistas nas súas empresas” para traballar de cara a ampliar o proxecto sindical, creando corpo e organización centro de traballo a centro de  traballo.

O funcionamento dos organismos de dirección

Mantendo a vixencia das liñas acordadas no VI Congreso para a mellora do funcionamento interno da CIG, no relatorio insístese na necesidade de rematar e superar a burocratización, para que a central sindical sexa máis áxil e resolutiva.

Por iso establécese que todos os organismos de dirección estean conformados coa militancia máis viva e activa e que estes teñan un papel real de dirección, que pasa por un maior grao de colectivización no debate e na toma de decisións que facilite a orientación do traballo sindical e de educación dos cadros de dirección no traballo colectivo e solidario e no coñecemento das alternativas globais da central sindical.

Métodos de traballo

Para mellorar os métodos de traballo acordouse celebrar ‘xuntanzas de traballo’ cos liberados e liberadas de cada comarca para “planificar e programar de forma concreta e detallada o traballo sindical da semana, atendendo de forma prioritaria, as visitas aos centros de traballo polas eleccións sindicais, para distribución de propaganda, para executar as campañas que estean en marcha, para convocar asembleas de delegados/as, actuacións da campaña de afiliación, conflitividade laboral de actualidade que hai que atender, seguimento da afiliación e demais.

Mapa federativo

O VII Congreso vén de facultar ao Consello Confederal para facer o oportuno seguimento e, se é o caso, introducir os axustes necesarios para levar adiante unha nova estrutura federativa que facilite unha mellor organización e funcionamento e permita un contacto e axitación máis intensa e directa cos centros de traballo.

O relatorio recolle ademais unha proposta de sete federacións, coa creación de dúas federacións de Industria, unha a xa existente, e outra, a resultante da fusión da actual FGAMT coa Construción e Madeira, sen o sector de Transporte. Nunha e na outra estarían concentrados os sectores coas afinidades e similitudes propias dos procesos industriais, mais coas diferenzas evidentes segundo a actividade produtiva.

Proponse tamén ter dúas federacións de Servizos privados, unha a xa existente, e outra que sería a fusión da actual Banca, Aforro, Seguros, Oficinas e Telemarketing, co sector de Transporte, telecomunicacións e Medios de Comunicación.

A Área Pública quedaría estruturada nas tres actuais federacións: Administración pública; Ensino e Saúde.

Pensionistas e xubilados/as

O Colectivo de Pensionistas e Xubilados/as da CIG púxose en marcha xa no VI Congreso e neste acordouse darlle o pulo definitivo constituíndo, nun período de seis meses, unha Comisión Nacional que estará integrada polas persoas nomeadas a nivel nacional por cada unha das Federacións e cada unha das Unións Comarcais.

Esta Comisión estará coordinada coa Executiva Confederal e definirá as liñas de traballo e designará unha persoa, con voz pero sen voto, nas reunións do Secretariado Confederal.
Acordouse tamén constituír comisións comarcais que, á súa vez, designarán unha persoa para participar nas reunións dos secretariados comarcais.

O activismo feminista e de clase

O relatorio, subliña os importantes avances para fortalecer a perspectiva feminista dentro das distintas estruturas durante este período, no que tamén se situou á CIG como unha das organizacións vertebradoras en materia de acción feminista no país, tanto en materia de reivindicación de dereitos, como de resposta aos ataques do patriarcado quer en solitario, quer con organizacións ou con Plataformas.

Xunto a isto establece a necesidade de non limitar a acción arredor de datas senlleiras, senón marcar un calendario propio con campañas de denuncia do machismo e de reivindicación dos dereitos das traballadoras, tanto no marco das empresas como a nivel social.

Ademais márcase o reto de acadar unha representatividade de mulleres acorde coa súa presenza nas empresas incrementando o número de delegadas para poder consolidar, dentro duns anos, unha representatividade de mulleres acorde coa reivindicación de igualdade e empoderamento das mulleres na sociedade e, polo tanto, na propia central sindical.

Plan de Axuda Alimentaria

Valórase que durante este período o seu funcionamento foi desigual en función das comarcas e proponse adoptar medidas para a súa consolidación a fin de homoxeneizalo no conxunto da central sindical. Un obxectivo que pasa por aumentar a implicación e compromiso das estruturas, que se informe da súa existencia nos centros de traballo e que se comunique que hai unhas cotas propias do Plan á nova afiliación e á xa existente.

A comunicación e as redes sociais

A este respecto acordouse crear unha Comisión Nacional de Comunicación co obxectivo de conseguir unha maior homoxeneización e coordinación en materia de comunicación externa e de formación interna e coa responsabilidade de presentar unha proposta de traballo que reforce a coordinación interna entre as diferentes estruturas e consolide unha rede de contidos fornecidos pola central sindical.

Establécese ademais o obxectivo de que a propia afiliación e a base social da CIG se converta ela mesma na principal canle de intercomunicación e difusión de todo o que a central sindical publica, xerando o necesario incremento da súa presenza nas redes sociais.

Xunto a isto, incídese na necesidade de mellorar a comunicación coa afiliación a través de boletíns dixitais; ampliar a cantidade e diversidade de contidos audiovisuais; planificar unha maior periodicidade do Boletín Sindical e do Tempo Sindical, todo isto garantindo a coherencia “no que comunicamos e como o comunicamos”.