
Aprobado o Relatorio de Acción Sindical con 427 votos a favor e 1 abstención

O IX Congreso da CIG aproba o relatorio de Acción Sindical con 427 votos a favor e 1 abstención. O documento, no que se definen as liñas de traballo que guiarán á central sindical para os vindeiros anos, analiza o contexto global, estatal e galego, facendo fincapé na necesidade de reforzar o conflito social e sindical como resposta á precariedade, á dependencia e ás políticas neoliberais. A CIG reafírmase como unha forza transformadora, combinando loita sindical, feminismo e soberanía e ante un capitalismo reaccionario e unha Galiza dependente, chama á mobilización para garantir dereitos, igualdade e un futuro digno, construíndo poder popular desde a base.

No contexto global, a CIG analiza un mundo onde o capitalismo neoliberal se torna máis agresivo e inestable, cunha hexemonía económica dos EUA en declive nun contexto multipolar. A chegada de Trump á presidencia intensifica este imperialismo cun "libre mercado proteccionista", apoiado por magnates e aranceis como armas de dominación. A OTAN, aliada dos EUA, impulsa o gasto militar nos seus membros, mentres a recesión e a austeridade reducen os servizos públicos, como se ve no Estado español, onde o gasto militar supera o 2% do PIB.
Respecto da crise inflacionista, agravada pola guerra en Ucraína, denúnciase como se dispararon os prezos de alimentos e enerxía, beneficiando a oligopolios mentres a suba dos tipos de xuro precarizou as clases populares. Para a central sindical, a Unión Europea (UE), en declive tras crises como o Brexit e a pandemia, perde relevancia global, sometida aos intereses dos EUA e incapaz de garantir benestar social. Nese sentido, a CIG critica esta "Europa dos Estados" e avoga por unha "Europa dos Pobos", baseada na autodeterminación, a xustiza social e a ruptura coa dependencia estadounidense.
A CIG alerta ademais do auxe da extrema dereita e do fascismo, alimentado polo capital ante o descontento social. No Estado español, afirma que esta dereita neofranquista nega a plurinacionalidade e reforza a centralización, atopando eco na debilidade dunha esquerda conciliadora que fomenta o diálogo social en vez da confrontación.

Situación no Estado español e en Galiza
Respecto da situación no Estado español, denuncia que o Goberno "progresista" aplica reformas neoliberais impostas pola UE, como a reforma laboral de 2021, que non derrogou a do 2012 e institucionaliza a precariedade. E denuncia tamén o diálogo social con CCOO e UGT como un instrumento da patronal para consolidar recortes en salarios, pensións e dereitos laborais, mentres a dereita e a ultradereita agravan o centralismo. Entende porén, que foi a resistencia das forzas soberanistas, como a CIG, a que freou as derivas reaccionarias.
Para o sindicato nacionalista. en Galiza, os gobernos do PP de Feijóo e Rueda afondan na dependencia económica, negando un financiamento propio e favorecendo a explotación de recursos (minería, enerxía, forestais) en detrimento do tecido produtivo. Nese sentido, a CIG denuncia a eucaliptización, o turismo descontrolado e a emigración (371.637 persoas desde 2009) o que vén agravar a desertización social e o envellecemento. A central sindical ve neste modelo unha "colonia" ao servizo de intereses externos, onde o diálogo social galego colabora cos intereses do capital.

Acción sindical e obxectivos da CIG
Neste contexto, o IX Congreso vén de reafirmar a aposta da CIG polo conflito como motor de cambio, rexeitando a resignación ante o desmantelamento dos dereitos laborais. Propón recuperar a centralidade do traballo e do sindicalismo como contrapoder, promovendo un modelo galego de negociación colectiva que rompa co marco estatal. Nos convenios, prioriza salarios dignos (mínimo de 1.320 euros mensuais), cláusulas contra a precariedade (ETT, contratos parciais), a xornada de 35 ou 32 horas e a loita contra a fenda salarial de xénero.
A saúde laboral é outra urxencia, ante unha lexislación obsoleta e unha alta sinistralidade en Galiza. Por iso critica a privatización vía mutuas e a inacción da Xunta, exixindo prevención efectiva e control sindical. Na defensa dos servizos públicos, demanda unha sanidade universal, vivenda accesible e medios públicos como a CRTVG que promovan a identidade galega, fronte á mercantilización e a manipulación informativa.

Feminismo e soberanía
Como sindicato feminista, a CIG defende un feminismo galego e de clase, visibilizando a explotación das mulleres no traballo e nos coidados, loitando contra o acoso e a segregación profesional.
Establece ademais, a soberanía como eixo estratéxico, considerando que Galiza debe decidir o seu modelo socioeconómico, superando a dependencia e construíndo un futuro socialista. Nesa liña, e como parte do Movemento Nacionalista Galego, chama a fortalecer alianzas e a conciencia nacional para enfrontar o sistema español.
A nivel global critica a inacción da OIT e a hexemonía occidental nas federacións sindicais. Propón fortalecer lazos con sindicatos de nacións do Estado (Cataluña, Euskadi), da lusofonía (CSPLP) e de América Latina, ampliar relacións cos BRICS e movementos decoloniais, e apoiar causas como a Palestina.