Aprobado o Relatorio de Acción Sindical con 381 votos a favor, tres en contra e 19 abstencións
» ACCEDE AQUÍ AOS VÍDEOS DO VII CONGRESO
O VII Congreso Confederal da CIG aprobaba, na tarde deste sábado, o Relatorio de Acción Sindical no que se analiza a situación da clase obreira galega no actual contexto económico e social e se formulan as propostas da central nacionalista para enfrontar o modelo de relacións laborais precarizado que pretende impor o capital e as consecuencias das políticas antiobreiras aplicadas nos últimos anos baixo a escusa da crise. O documento recibiu 381 votos a favor, 3 en contra e 19 abstencións.
O relatorio de Acción Sindical comeza advertindo do afondamento no modelo capitalista neoliberal, da tremenda concentración e centralización da riqueza e o poder, e da aposta estratéxica do capital por promover un modelo de relacións laborais precarizado, a todos os niveis, que lle permita incrementar a súa marxe de beneficios e, ao tempo, debilitar a clase traballadora. Contexto no que, describe o documento, se está a conformar unha subdivisión no seo da clase obreira: o precariado, con baixos salarios, escasos dereitos e protección social, sen estabilidade no emprego e baixa participación na dinámica sindical.
A este modelo económico e social responde tamén o modelo da UE que se está a construír, sendo institucións europeas como o BCE, a CE ou a sección europea do FMI as principais impulsoras das medidas antiobreiras (reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións), das privitizacións dos servizos públicos e do recorte e prestacións sociais que vimos sufrindo nos últimos anos baixo a escusa da crise. Unhas receitas que o goberno do PP aplicou con fervor, especialmente nos anos de maioría absoluta, e que someten a máis pobreza ás clases populares das nacións periféricas como Galiza.
"A cabalo desta crise", denúnciase no texto, "reforzouse o papel dependente de Galiza", intensificáronse o proceso de absorción de empresas galegas; espoliouse o aforro dos galegos e galegas coa bancarización e venda das antigas caixas; e continúase coa explotación dos nosos recursos naturais e a nosa capacidade de produción de enerxía. Xunto a isto, padecemos as consecuencias nefastas das políticas deseñadas dende a UE para os nosos sectores pesqueiro e gandeiro; e a ausencia dunha estrutura produtiva que peche os ciclos produtivos no noso país.
Condicións que se reflicten na imparábel destrución de emprego, o alarmante retroceso demográfico e o avellentamento da poboación, nunha nova vaga migratoria, o aumento da pobreza, o deterioro dos servizos públicos ou a redución do gasto público. Combinados cun reforzo das políticas españolistas e centralizadoras, e un ataque furibundo ao noso principal sinal de identidade: a nosa lingua.
Unha Galiza soberana para saírmos da crise con xustiza social
Mais a crise económica vai acompañada dunha importante crise política, estando en cuestión o réxime nacido da transición. Situación que vemos na ausencia dunha maioría absoluta no Congreso -abrindo así a porta á derrogación das leis antiobreiras-; e nos esforzos dos diferentes poderes do Estado e os partidos políticos españois maioritarios para evitar a posta en cuestión do marco xurídico político imposto pola constitución de 1978, pola vía de dar solución ás reivindicacións do recoñecemento legal dos dereitos nacionais de Cataluya, Euscadi e Galiza.
Sen poder político soberano non podemos deseñar políticas laborais, económicas e sociais favorábeis aos intereses e necesidades da maioría social"
Un panorama no que a CIG defende unha Galiza soberana para saírmos da crise con xustiza social, pois "sen poder político soberano non podemos deseñar políticas laborais, económicas e sociais favorábeis aos intereses e necesidades da maioría social"; é dicir, termos capacidade plena para apostar por un modelo de economía autocentrada e de desenvolvemento sostíbel que xere riqueza, emprego de calidade e benestar social, desenvolva as potencialidades dos nosos recursos e sectores produtivos e peche os ciclos produtivos na Galiza.
Cara a un mundo multipolar
Este ataque á clase obreira dáse nun mundo cada vez máis multipolar, no que conviven -no ámbito económico- tendencias globalizadoras moi fortes, mentres se promoven medidas de corte proteccionista. Pero estas diverxencias non gardan relación coas políticas neoliberais, senón coa disputa no seo da oligarquía polo control do lucro. Os triunfos do Brexit ou de Trump serían expresión deste confronto, no que os sectores empresariais que se senten prexudicados pola globalización utilizan demagoxicamente aspectos sociais sentidos polas clases populares como engado electoral.
O reto dos avances tecnolóxicos nas relacións sociais e de produción
Presentación das candidaturas
Tras a votación do documento, procedeuse á presentación da candidatura única, encabezada por Paulo Carril, que concorre á Executiva Confederal e á Secretaría Xeral neste VII Congreso, e que as e os congresistas votarán durante a xornada do domingo. Para a Comisión de Garantías tamén se presentou unha única candidatura.
Neste marco de precarización do mercado laboral, sobreexplotación da clase obreira e afondamento das desigualdades, o control dos avances tecnolóxicos e do coñecemento polas grandes corporacións económicas supón un desafío para a clase traballadora e para as organizacións sindicais, na medida en que vai provocar cambios no modelo de relacións sociais e de produción. Para afrontar este reto, no transcurso deste 2017, a CIG pretende levar adiante un traballo de afondamento nesta materia, que permita elaborar as práctica e as alternativas da central sindical a esta problemática.
No intento de impor un modelo de precarización do mercado laboral "temos que ter moi presente na nosa acción sindical esta nova realidade no mundo do traballo, perfeccionando e adaptando os nosos métodos de traballo, pero co firme convencemento de que o noso modelo de sindicalismo de contrapoder, de contido sociopolítico e antipacto social, de clase e nacionalista, é o máis acertado e necesario, tamén nesta nova realidade sociolaboral e política".
As alternativas da CIG
O relatorio base recolle polo miúdo as propostas e alternativas da central sindical para superar o actual contexto, sen esquecer "a reivindicación estratéxica de facer realidade un Marco Galego de Relacións Laborais e Sociais, con plenas competencias en materia lexislativa, normativa e de regulación da participación no mundo do traballo en Galiza".
Especial atención ponse á negociación colectiva, ferramenta fundamental para a clase traballadora. As reformas impostas nesta materia están pensadas para fomentar os convenios estatais fronte aos de ámbito provincial e os de empresa en detrimento dos convenios sectoriais, facilitando así o empeoramento das condicións laborais, as caídas salariais, a paralización da negociación colectiva, os descolgues, etc. Fronte a isto, a CIG aposta por activar de xeito permanente o traballo nas empresas, con contacto directo nos centros de traballo, asembleario e participativo, tentando reforzar os convenios de sector e a súa aplicación e impedindo que os convenios de empresa se fracturen e deterioren as condicións laborais.
As achegas en materia de política económica e de emprego inciden na liña das aprobadas no VI Congreso e que deron pé a dúas Iniciativas Lexislativas Populares. A primeira, rexeitada no Parlamento polo PP, recolle 100 medidas para a creación de emprego na Galiza. A segunda, de medidas para garantir a enerxía como servizo público e contra a pobreza enerxética, foi aprobada por unanimidade no Parlamento galego e está a espera de ser tramitada como proxecto de lei.
Xunto a isto, a CIG reivindica a derrogación inmediata das contrarreformas laborais iniciadas en 2010 e propón un completo programa de medidas en defensa do sistema público de pensións, dunha política fiscal progresiva e en materia de dereitos laborais e sociais, así como no relativo ás relacións internacionais.
Entre outras cuestións no eido laboral e social a central reivindica racionalizar os horarios de traballo e reducir a xornada máxima laboral a 35 horas semanais; regulacións nas contratas, subcontratas e externalizacións; reforzar as medidas en materia de igualdade e corresponsabilidade; a eliminación das ETTs e das axencias privadas de colocación; das subvencións xenéricas á contratación; estabelecer unha porcentaxe máxima de contratos temporais nas empresas; un novo procedemento para os despedimentos colectivos; o incremento do SMI até acadar o 60% do salario medio; ou crear un salario de inserción laboral e social.
A CIG como referente sindical das traballadoras galegas
No relatorio alértase da progresiva feminización da pobreza, unha realidade fronte á que o modelo de acción sindical da CIG ten que servir "de ferramenta de combate á precariedade e aos ataques do neoliberalismo e do patriarcado", apostando por consolidar na sociedade a concepción de que "a CIG é unha organización sindical de clase vertebradora de propostas en materia de acción feminista".
Para iso hai que continuar avanzando na formación en materia de igualdade, incorporar a transversalidade de xénero en todas as accións formativas e redobrar esforzos dende as distintas estruturas para fomentar a participación das mulleres dentro do propio sindicato.
Abórdase tamén a necesidade de dar un paso na identificación e combate dos comportamentos machistas que dan orixe a violencia contra as mulleres, e denunciar o machismo imperante na cultura empresarial que ampara e pon en práctica discriminacións por razóns de sexo.
O modelo sindical da CIG debe seguir apostando polo asemblearismo e a participación, intensificando o labor da Comisión Nacional de Mulleres e promovendo novos encontros comarcais de delegadas e persoal da CIG que "deben ir parellos a unha actividade de axitación nas empresas, seguido de mobilización na rúa".