Apoio masivo do persoal de Detegasa e Procofe á folga para reclamar un calendario laboral digno e negociado
Unha amplísima maioría do persoal de Detegasa e Procofe está secundando este xoves a folga convocada para demandarlle á empresa que negocie un calendario laboral digno e acordado coa parte social.
A CIG-Industria de Ferrol explica que desde primeiras horas da mañá un numeroso piquete composto por traballadores e traballadoras tanto de Detegasa como de Procofe, acompañados por delegados/as da central nacionalista doutras empresas que se achegaron a amosar o seu apoio, estivo informando das reivindicacións ás poucas persoas que se achegaron a traballar, case todas con postos directivos, sen que se producira incidente ningún.
Tanto desde a CIG como desde a representación do persoal valórase moi positivamente o desenvolvemento desta xornada, instando unha vez mais á dirección destas empresas a que "sente negociar na procura dunha solución a este conflito". De contrario, xa adiantaron que as mobilizacións continuarán nas próximas semanas.
Cómpre salientar que, para este 2024, o exceso de xornada suporía sete días completos que, engadidos aos 24 laborais de vacacións que lle corresponde ao persoal, suman 31 días. "A proposta da empresa foi darnos eses sete días de exceso saíndo uns minutos antes cada día. Por motivos obvios, ao final a xente raras veces sairía con eses minutos de antelación e a empresa remataría por quedarse con esas xornadas que nos corresponden por lei", explican.
En datas recentes, a representación social mantivo dúas xuntanzas coa dirección para tentar chegar a un acordo "nas que a empresa non se moveu nin un ápice e fomos a RLPT quen modificamos á baixa a nosa proposta inicial, pero tampouco lles serviu".
Por se non fora abondo, a empresa promoveu votacións a man alzada entre o persoal da oficina técnica, do departamento comercial e doutros departamentos, nas que formulou escoller entre dúas propostas de calendario elaboradas pola propia compañía, obviando a proposta feita pola parte social.
Un feito que consideran "moi grave" por canto a empresa decidiu de xeito unilateral saltar a representación legal das traballadoras e traballadores e a negociación "a través dunha votación que non ten validez ningunha, feita a man alzada diante da xefatura e mesmo deixando de lado a todo o persoal do taller coa intención de fomentar a división".