
Apoio masivo ao claustro do IES As Lagoas de Ourense e en defensa da dignificación da profesión docente

Unha multitude de docentes e membros da comunidade educativa marcharon polas rúas de Ourense na tarde de onte, mércores, en resposta á campaña de difamacións orquestrada por unha familia contra unha profesora de matemáticas do IES As Lagoas de Ourense tras a súa desconformidade coas cualificacións do seu fillo. Unha campaña na que se superaron “todas as liñas vermellas ao entrar na descualificación persoal, o sinalamento público, o empapelamento do centro con consignas nas que se pon en cuestión a súa profesionalidade e o amedrentamento directo”, tal e como sinala o presidente da Xunta de Persoal, Bieito Pereira Conde.

Como resposta a esta estratexia de acoso contra esta profesora e de desprestixio xeralizada da profesión docente a partir de difamacións vertidas nos medios de comunicación e nas redes sociais, as seis organizacións sindicais con representación na Xunta de Persoal Docente de Ourense convocaron unha manifestación que rematou diante da Dirección Territorial da Consellaría de Educación. Durante a marcha, na que se fixo unha defensa da dignificación da profesión docente, puideron escoitarse consignas como “O IES das Lagoas somos todos e todas” ou “Non ás agresións, si ás solucións” ou “Precisamos protección da inspección”.
Ao final da mesma tivo lugar a lectura dun manifesto no que se indicou que a actuación desta familia supón “un ataque directo e sen escrúpulos á hora de procurar os seus fins contra unha compañeira, contra o profesorado en xeral e contra os centros de ensino públicos, agredindo de forma infame ao profesorado e á dirección deste instituto”. Neste sentido, engadiuse que “se está poñendo en tela de xuízo a imparcialidade do profesorado e cuestionando a nosa dedicación incansable ao traballo nas aulas, co que se procura mellorar sempre a calidade da educación, entendendo esta como único garante da igualdade de oportunidades que representa o ensino público”.
Na intervención de representantes dos seis sindicatos cualificouse de “coacción, acoso e agresión” o que está a vivir a docente do instituto ourensán, con máis de trinta anos de servizo, “despois de que tanto ela como a administración non dera resposta ás queixas da familia promotora desta campaña cedendo ás súas pretensións”. Neste sentido, incidiuse en que “é un dereito exercer a crítica e presentar as reclamacións polas canles estabelecidas pero unha cousa é discrepar e outra ben distinta intentar derrubar a unha profesora. O dereito e a liberdade de expresión non poden confundise coa liberdade de agresión”.
Ademais do apoio explícito á profesora afectada e ao claustro do IES As Lagoas, no manifesto tamén se fixo fincapé na defensa da dignificación da docencia. “Nunha sociedade na que a información é poder, o profesorado pon todo o seu saber ao servizo dos demais e fai un traballo honesto resolvendo día tras día mil cuestións que van máis alá da impartición dunha materia. Non hai profesión que teña unha maior responsabilidade de futuro”, engadiuse.
Actuación contundente da administración
Tamén se pediu explicitamente que as autoridades educativas interveñan de forma contundente para protexer a docente afectada pero tamén o resto de profesorado que sofre situacións semellantes e para esixir que se cumpra a norma e os procedementos a respecto da reclamación de cualificacións. “A inspección, a Dirección Territorial e a Consellaría non poden permanecer en silencio mentres nos atacan e difaman, impasíbeis mentres denuncian con mentiras. Non imos tolerar que o noso traballo sexa denigrado por persoas sen escrúpulos que, lonxe de demandar un dereito a aprender, o que fan é un ataque sen precedentes contra quen non acata as súas indicacións e non se acovarda polas súas actuacións”.
Ao remate das intervencións, o presidente da Xunta de Persoal trasladou o agradecemento da profesora polo apoio recibido, ante o que os asistentes arrincaron cun forte aplauso e a directora do centro tamén se dirixiu emocionada á multitude alí congregada para dar as grazas “porque necesitaban este apoio nuns días moi duros” á vez que se preguntaba “quen repara este dano?” e facía unha defensa a ultranza do bo facer dos centros de ensino públicos e en concreto do IES As Lagoas, “que vén de poñerse no foco mediático por unha denuncia difamatoria e malintencionada”.
Por último rematou reclamando que a dignidade do profesorado “hai que defendela, engrandecela e agradecela por tratarse de profesionais fundamentais no desenvolvemento das sociedades”.