Anuncian recurso contra os servizos mínimos en xustiza por "abusivos" e "vulnerar o dereito á folga"
O comité de folga vén de anunciar que recorrerá os servizos mínimos impostos pola Xunta para a folga indefinida que os traballadores e as traballadoras de xustiza en Galiza desenvolverán a partir do vindeiro 7 de febreiro, ao considerar que son "abusivos e vulneran o dereito constitucional á folga"
A representación do persoal, que foi convocada este venres pola mañá para negociar os servizos mínimos, criticou que o conselleiro de Xustiza manteña a súa "habitual actitude de prepotencia", e acusa a Rueda de vulnerar a xurisprudencia establecida polo Tribunal Constitucional, que a propia Xunta "considerou valida nas tres anteriores xornadas de folga" e propor un servizos mínimos totalmente abusivos.
Neste senso, consideran "curioso" que no decreto presentado hoxe se manteñan como servizos mínimos esenciais os mesmos que para as tres xornadas de folga precedentes (actuacións urxentes do Rexistro civil, rexistro de asuntos urxentes, actuación con prazo, e xulgado de garda) e, non obstante, "os servizos mínimos alcanzan nalgúns xulgados máis persoal do que realmente existe" .
Así, explican, atópanse casos rechamantes como o dalgún xulgado onde o cadro de persoal está composto por catro traballadores/as "e a Xunta propón oito persoas de servizos mínimos" ou de Ferrol, onde na oficina de rexistro e reparto “obriga” a ir a un auxilio xudicial "que nin sequera existe". No resto dos xulgados os servizos mínimos auméntanse até o 100%.
"Durante todos estes anos de goberno do PP en Galiza foron constantes as denuncias de todos os sindicatos da administración de Xustiza polo atraso de até catro meses na contratación para cubrir as baixas e agora resulta que o conselleiro Rueda pretende vulnerar o dereito fundamental de todo traballador e traballadora á folga, mantendo uns servizos mínimos abusivos", denuncian nun comunicado.
Así as cousas, dende o sector de xustiza da CIG xa adiantaron que, unha vez publicados, o comité de folga presentará denuncia diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra estes servizos mínimos por abusivos e solicitará a suspensión provisional dos mesmos até que exista resolución xudicial.