Anuncian novas protestas en Ingemar pola readmisión do persoal e a recuperación da carga de traballo
As federacións da Construción de CIG e UGT demándalle á dirección da empresa Grupo Ingemar SL "que tome nota" da contundente resposta dada polo conxunto dos traballadores e traballadoras ante o despedimento de catro compañeiros de serras e dunha compañeira de oficinas e que readmita de inmediato a este persoal. Do contrario, as centrais sindicais avanzan a convocatoria de novas xornadas de mobilizacións.
O secretario comarcal da FCM-CIG de Lugo-A Mariña, Afonso Losada, lembra que a folga parcial de catro horas do pasado venres foi secundada pola práctica totalidade do cadro de persoal, amosando deste xeito a súa solidariedade cos compañeiros e a compañeira despedida e o absoluto rexeitamento á decisión empresarial.
Ademais, as centrais sindicais denuncian as actuacións organizativas que está levando a cabo a dirección do Grupo Ingemar, desviando a segunda transformación da pedra a outras mercantís da competencia co obxectivo de deixar a factoría como un mero taller ou almacén cun grupo moi reducido de traballadores/as e seguir comercializando o granito das canteiras en bloque.
CIG e UGT van denunciar nas distintas administracións estas pretensións empresariais "e a realización de despedimentos individuais por causas provocadas intencionadamente, non chegando aos topes legais para ser tratados como o que realmente son: ERE encubertos".
Así mesmo, os sindicatos denuncian a inexistencia dun plan de viabilidade que garanta o mantemento do emprego e da actividade, e nesta liña critican que se traballa "sobre pedido, sen dirección na fábrica, que se dirixe dende León pola nova familia propietaria". Unha nova propiedade que, advirten, "adoece de falta de experiencia para dirixir unha compañía deste calado e sen apoiarse e consultar cos traballadores/as de Parga, con contrastada experiencia e compromiso cunha empresa que lograron sacar do concurso de acredores grazas ao seu esforzo e sacrificio".
"Se non cambian de estratexia isto está chamado ao fracaso, e o primeiro paso para cambiar a situación é a readmisión dos traballadores, a recuperación da carga de traballo desviada e a volta a un clima laboral de entendemento e paz social".