Anuncian mobilizacións na Seguridade Social polo incumprimento do acordo para reforzar esta administración
Os sindicatos con representación no ámbito das entidades xestoras e os servizos comúns da Seguridade Social, CIG, CSIF, CCOO e ELA, advirten da convocatoria de mobilizacións se o Ministerio continúa sen cumprir co acordado asinado o pasado ano para reorganizar e reforzar esta administración.
As centrais sindicais denuncian que o pasado 17 de xullo a secretaría de Estado da Seguridade Social convocou unha reunión da Mesa Delegada á que non compareceron nin á subsecretaria do Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones, Cristina Navarro, nin o secretario de Estado de SS, Borja Suárez, polo que nada se avanzou na posta en marcha dos termos do acordo.
Lembra que o propio secretario de Estado, o 16 de mayo de 2023, asinou este pacto polo que estabelecen as condicións inciais para a implantación dun plan estratéxico de recursos humanos na administración da Seguridade Social, ademais doutros asuntos importantes como a Axencia, a provisión de postos, o traballo non presencial, a produtividade, a formación, a estabilidade no emprego, a oferta de emprego público e a promoción interna.
"Porén, pasado máis dun ano dende a sinatura do mencionado acordo, volvemos ao punto de saída, sen ter interlocución nin negociación", critica a representación sindical. Lamentan o "escaso esforzo negociador" do Goberno estatal nas xuntanzas mantidas até agora, mentres os cadros de persoal soportan "enormes cargas de traballo", coas consecuencias que isto ten na prestación e na calidade do servizo á cidadanía. "Durante todo este tempo, o secretario de Estado dedicouse a dar largas á representación do persoal", subliñan.
A representación do persoal destaca que a Seguridade Social precisa dunha reorganización para "ser o servizo público que merece a cidadanía". Por iso, ante o reiterado incumprimento da administración estatal, CIG, ELA, CSIF e CCOO acordaron anunciar mobilizacións en todos os centros da Seguridade Social que se concretarán en concentracións, sen descartar a convocatorai de paros parciais ou folgas.
"Agardamos que estas medidas sirvan para sacar da súa inactividade ao secretario de Estado", apuntan, reiterando a exixencia de que se cumpra co acordo que permita reorganizar e fortalecer a Seguridade Social.