Anulado o calendario laboral que Iberdrola impuxo en Montefurado, Sequeiras e San Martín por incumprir a dotación mínima de persoal
A CIG vén de tombar no xulgado do Social o calendario laboral que Iberdrola Generación impuxo para o ano 2023 nos centros de traballo de Montefurado, Sequeiras e San Martín por incumprir a norma que estabelece unha dotación de 6 persoas por posto de traballo no réxime de quenda pechada.
Porén, Iberdrola prevía dotacións de 4 traballadores/as en Montefurado e de 5 persoas en Sequeiras e San Martín. Esta distribución ocasionaba importantes problemas de conciliación, non se respectaban descansos mínimos e axustes de xornada, co evidente prexuízo para o persoal afectado.
A CIG, en representación dos traballadores e traballadoras dos centros afectados, presentou conflito colectivo contra este calendario, imposto de maneira unilateral pola empresa e que incumpre coa norma 6ª do acordo para a regulación de quendas de traballo, asinado o 23 de abril de 2008. Este acordo estabelece claramente que a dotación mínima en quenda pechada e reténs é de 6 traballadores/as.
Agora, a xustiza dálle á razón a CIG fronte ao abuso que cometeu a empresa, condenando a Iberdrola a cumprir co estabelecido na norma 6ª, o que obrigará a elaborar os novos calendarios axustados á mesma.
Neste sentido, na negociación aberta para os calendarios deste ano, a CIG exixe a retirada da proposta que trasladou a empresa cun réxime de quendas similar ao de 2023 e insta a Iberdrola a facer unha nova proposta axustándose a esta sentenza e ao regulado na norma 6ª.