Ante o anuncio de Alcoa de aplicar o ERE, os Gobernos deben dar xa pasos decisivos para a intervención da fábrica
Alcoa comunicaba este mediodía a súa intención de aplicar o ERE para despedir a 524 traballadores/as até o primeiro trimestre de 2021 e deixar a fábrica de San Cibrao sen produción de aluminio primario. Diante desta decisión patronal, o Goberno español e a Xunta de Galiza deben dar pasos decisivos para intervir de inmediato a factoría e garantir que as cubas de electrólise sigan en activo.
"A estas alturas, unha intervención pública vía expropiación (á vista de que Alcoa non quere negociar unha venda) está máis que xustificada e non existe nada na normativa galega, española ou europea que impida esta actuación. É agora cando o Goberno español e a Xunta deben demostrar que teñen vontade política real para nacionalizar a fábrica e defender o mantemento dun sector estratéxico para o noso país como o do aluminio", asevera o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.
A este respecto, reitera que non se pode seguir perdendo o tempo en declaracións de intencións cando Alcoa xa puxo data para os despedimentos e a parada das cubas. "Os gobernos teñen que actuar coa mesma contundencia e rapidez coa que o está a facer a multinacional", afirma.
Carril explica que a representación social presentará as correspondentes demandas xudiciais para impugnar o ERE, pero esta vía ten uns tempos máis longos que os prazos marcados pola empresa. Polo que resulta inevitábel a intervención da planta para evitar os despedimentos e que Alcoa acerne de maneira irreversíbel as capacidades produtivas do complexo industrial de San Cibrao.
Así as cousas, a CIG insta a intensificar as mobilizacións e a manter a unidade de acción como único camiño para paralizar os plans de desmantelamento da multinacional e forzar as administracións a actuar coa urxencia e a contundencia que require esta crítica situación.