Ante a globalización da violencia machista, loita sindical internacional feminista e antirracista!
Os sindicatos abaixo asinantes levamos anos denunciando que a violencia contra as mulleres é un fenómeno estrutural e que se evidencia en todos os ámbitos da vida. Nos centros de traballo, nas rúas, nas escolas, nos fogares e, moitas veces, tamén no interior da loita sindical. Violencias múltiples que marxinan as mulleres a través de diferentes mecanismos e en todo o mundo.
Os feminicidios, a fenda salarial, o reparto desigual dos coidados, do emprego e da riqueza e a precariedade enfrontada polas mulleres traballadoras obedecen a unha lóxica mundializada de poder. Un fenómeno que se relaciona directamente coa perpetuación deste capitalismo patriarcal, racista, colonialista e ecocida que desde o sindicalismo de clase e dos pobos oprimidos combatemos todos os días.
Sendo a violencia machista un fenómeno global, é urxente a construción de redes e accións sindicais internacionais capaces de transformar esta histórica inxustiza social contra as mulleres. Para isto, apostamos por un sindicalismo feminista nutrido desde os nosos pobos, mais en permanente conexión coas experiencias das traballadoras noutros territorios.
Neste sentido, hoxe recordamos as loitas das mulleres palestinas e de todas as mulleres dos pobos oprimidos baixo o peso da tiranía, o colonialismo, o apartheid e a ocupación militar. Israel leva décadas exercendo violencia patriarcal e racista, mediante prácticas sionistas e o sistemático asedio á Franxa de Gaza e o seu illamento, mentres as mulleres palestinas seguen loitando por acceder ás súas terras, sementalas, colleitar os seus cultivos e alimentar o pobo.
As vidas e os corpos das mulleres palestinas están sometidos a invasións militares, bombardeos, asasinatos, tortura, encarceramento e sistemas de control de masas cada vez máis sofisticados e invasivos que desenvolve Israel. Non podemos ignorar que 36 mulleres palestinas seguen nos cárceres dos territorios ocupados! Ao exportaren estas políticas e métodos misóxinos, o apartheid israelí está no centro da infraestrutura de opresión militarista-patriarcal a nivel mundial.
Todo isto prodúcese á luz da continua submisión das mulleres palestinas a discriminacións internas que tamén as privan dos seus dereitos sociais, económicos e políticos. Un dobre crime contra a muller loitadora.
Por todo isto, Palestina é tamén unha cuestión sindical feminista e antirracista. Ao final, non poderemos transformar os sistemas patriarcais de opresión mentres non rompamos coa explotación e a expropiación das traballadoras dos pobos oprimidos de todo o mundo. Por todo isto, denunciamos alto e forte que a persecución das mulleres é unha estratexia de dominación global e a loita sindicalista feminista é, por tanto, unha loita internacionalista. Denunciar a violencia machista pasa, necesariamente, por seguir traballando cara á paridade, o fomento de espazos seguros e libres de agresión e por aumentar a presenza activa das mulleres tamén na representación internacional das organizacións sindicais. Ante as relacións internacionais do capital, definidas polo machismo, polo saqueo e pola dependencia, nós defendemos a organización das mulleres e reivindicamos a soberanía dos pobos.
Finalmente, os sindicatos abaixo asinantes expresamos o noso completo rexeitamento á violencia contra as mulleres en todo o mundo e manifestamos o noso firme compromiso coa defensa de condicións, espazos e mecanismos para que as traballadoras poidan seguir construíndo un sindicalismo combativo á altura dos desafíos que temos. Outras relacións internacionais, pensadas desde o feminismo e edificadas desde abaixo e á esquerda, non só son necesarias, senón posíbeis. Viva a loita feminista! Vivan as traballadoras do mundo!
Sindicalismo Feminista Internacionalista 24 de novembro de 2022