"Animo as traballadoras que sofren acoso a que denuncien e loiten polos seus dereitos e a dignidade"
O caso de Isabel Coto constitúe un exemplo para as mulleres que sofren unha situación de acoso laboral e sexual no seu traballo. Farta de sentir medo e de que pisaran os seus dereitos, decidiu loitar para recuperar a dignidade, aínda que iso supuxera enfrontarse a unha grande empresa como El Corte Inglés. Agora, unha sentenza do Social 3 da Coruña dálle a razón e marca o camiño fronte á impunidade na que adoitan quedar estes comportamentos no ámbito empresarial.
Os teus problemas na empresa comezaron co traslado ao centro de traballo de Altamira. Cando fuches consciente de que o trato do teu novo xefe excedía o estritamente cordial?
Cando comezou a facerme preguntas íntimas. Ao principio sorprendíame un pouco porque me parecía que era demasiado íntimo, pero pensei que era un trato cordial, non estaba desconfiada nin era consciente do que podía ser. Cando nos atopamos no despacho e me tocou o pelo e logo as costas xa me din conta de que iso era unha actitude sexual. A segunda vez ao saír do despacho, xa me tocou o cu. Aí xa lle puxen freo, deixando claro que baixo ningún concepto ía consentir ese comportamento, que se estaba equivocando e que mantivera as distancias. Iso debeu ser aos catro meses do traslado.
Unha vez que non respondes ás insinuacións do teu xefe, cal foi a súa reacción, de que xeito mudou o seu comportamento cara a ti? Houbo represalias, en que se concretaron?
Pedir calquera cousa que tiña por dereito, supoña unha rifa. Todo o que facía parecíalle mal, dicíame que el era o que mandaba na tenda e que eu estaba moi equivocada. Berrábame por todo e dáballe igual que estivera a clientela diante. E dirixíase a min con actitudes do tipo "ti quen te cres que es".
Cando tiven que pedir un permiso pola operación da miña nai, ameazou con "que me ía saír caro". E cando solicitei o día a maiores que a empresa ten recollido por casar, chamoume ao despacho para dicirme que me ía dar o día porque o mandaba a empresa, pero que me traería consecuencias.
A persecución era constante e sentíame vixiada continuamente. Pasaba máis tempo en caixa que o resto do persoal. Estar en caixa é unha especie de "castigo" para as traballadoras e traballadores desta tenda, porque é un traballo moi duro: as caixas non están adaptadas, o espazo é reducido, as cadeiras tampouco están adaptadas, tes que remarcar artigo por artigo, etc.
Tamén me facían subir as alturas, cando saben que teño medo (estamos falando duns andeis que son case como un quinto piso de altura). E iso cando nin sequera teño o curso de formación para subir á maquina elevadora nin me facilitaban os equipos de protección axeitados.
Sufriches ameazas de despedimento?
Cando a miña nai se operou, collín un permiso dun mes sen soldo. Ao comunicarllo ao meu xefe -cousa que fixen por cortesía, xa que a solicitude dirixina ao departamento de persoal-, botouse a rir e díxome "a ver se non levas algunha sorpresa". De FETICO (sindicato maioritario en El Corte Inglés) chamaron a súa delegada para comunicarlle que foran buscar o permiso e ao parecer, a empresa tiña a miña carta de despedimento preparada, supostamente por roubar en horas de traballo.
É curioso que me acusaran de roubar e no xuízo a empresa nunca sacara a relucir ese tema. De feito, até na sentenza a xuíza destaca que a empresa non fixera mención nin achegara as probas dunha acusación tan grave. Está claro que tiñan todo preparado para despedirme con calquera motivo.
Tiveches medo nalgún momento?
Tiña un medo terríbel, comezaba a subir a costa de Altamira e pensaba, 'que me vai pasar hoxe?' Teño chorado dende a casa ao traballo, porque sabía que algo, mais ou menos forte, ía suceder; polo de pronto, cada vez que ía ao baño encontra o meu xefe cando saía. Chegou un punto en que non sabía que facer e comecei a levar gravadora ao traballo. É única cousa que tes, o que pasa nun despacho é a túa palabra contra a do outro, ademais o meu xefe contaba co apoio da persoa que estaba ao seu carón. Afortunadamente, a xuíza aceptou as gravacións porque eu estou na conversa e non se falan cousas da intimidade persoal dos interlocutores, senón de traballo.
Puxeches estas situacións en coñecemento da representación sindical? Que resposta e que actuacións realizou o comité para pórlle solución?
En El Corte Inglés non se respectan os dereitos de ninguén, comentas algo ao delegado sindical e aí morre. O representante legal de FETICO foi ao xuízo dicindo que eu non informara de nada, que estaba mentindo, amparándose en que El Corte Inglés non entrega papeis de nada. Por iso, unha das cousas que aprendín nese tempo é a pedir papeis, para que quede constancia por escrito de todo.
Antes de coller a baixa tamén pedín o traslado de centro. O representante sindical de FETICO díxome que "á empresa non lle gustan estas cousas" e por iso que me pedía o traslado, mais alegando motivos persoais. A empresa non me contestou, nin tampouco me chamou para coñecer cales eran eses "motivos persoais".
En que momento e por que decides acudir á CIG? Que accións se foron tomando dende a central sindical?
No mes de setembro de 2015, despois de dúas crise de ansiedade tiven outra máis -a miña médica xa me quixera dar a baixa en abril porque estaba tomando medicación-. Aí rompín, non sabía que facer, a FETICO e a FASGA dende logo non podía acudir, e por medio dun afiliado da CIG cheguei á Federación de Servizos, de onde me derivaron á técnica de igualdade na Secretaría das Mulleres.
Dende o principio sentinme apoiada, escoitáronme, creron en min e animáronme a que denunciara o acoso ao que estaba sendo sometida. O primeiro paso foi elaborar un escrito no que se relataban todos os feitos que figuran na sentenza, denuncia que foi enviada á empresa solicitando que activara a Comisión Instrutora de Tratamento de Situacións de Acoso (CITSA).
Posteriormente no mes de decembro presentei denuncia na Garda Civil, e de xeito paralelo presentouse a denuncia na Inspección de Traballo e a demanda polo social por acoso sexual e moral no traballo e tutela de dereitos fundamentais e liberdades públicas.
Cando das inicio á CITSA, como responde este órgano? Nalgún momento a Comisión dirixiuse a ti ou visitou o centro de traballo de Altamira?
Ao centro de traballo non se achegaron, entrevistáronse cos xefes, comigo e con compañeiros/as de traballo. Activaron o protocolo e a súa conclusión é que non pasou nada. Incluso logo de escoitar as gravacións que lle levei, a resolución foi que non detectaron ningún tipo de acoso nin moral nin sexual. A pesar das graves irregularidades que cometeron no CITSA: non identificaron con nome e apelidos ás persoas entrevistadas nin o criterio polo que foron escollidas.
Posteriormente denuncias diante da Inspección de Traballo, que actuacións realizou a Inspección, foron suficientes, levantouse acta de infracción?
A actuación da Inspección foi insuficiente, como agora demostra a sentenza. Recoñece que hai malos modos, que se me faltou á dignidade polos berros e que houbo falta de respecto diante de compañeiras/os e clientas/es, e insta a empresa a que haxa máis educación, pero non levantou acta de infracción. Presentamos reclamación contra a resolución da inspectora e a contestación foi a mesma, cando realmente moitos compañeiros e compañeiras relataron a situación de acoso que finalmente quedou probada.
Mudou a actitude da empresa ou do teu xefe a partir do requirimento da Inspección?
Non teño constancia de que mudara nada, porque o maltrato nese centro de traballo forma parte do clima laboral, o despotismo está institucionalizado.
Que consecuencias tivo todo isto para a túa saúde?
Non podía durmir, tiña pesadelos, ataques de pánico, volvinme tatexa -aínda que eu nin sequera me daba conta-, caíame o pelo, saíronme chagas na boca... e deixei de facer a miña vida por completo, sempre tiña medo. A miña autoestima afundiuse, chegas a dubidar tanto de ti mesma, do teu razoamento, da túa profesionalidade, do teu trato cos demais, dubidas de todo. Non me tería importado tirarme dunha fiestra nese momento.
Declaráronme estrés postraumático e remitíronme á psiquiatría no Hospital de Oza. Nestes momentos estou de baixa, concedéronme unha prórroga e agora estou mellor, grazas a todas as persoas que me axudaron.
Sabes se dan casos similares aos teus noutras tendas da empresa? E cal ten sido a resposta de El Corte Inglés e a CITSA neses casos?
Si que se dan. Vin situacións complicadas, vin cambios de traballadoras a outros centros, e sei de xente coa que non fixeron nada.
Para ti, que é o máis importante desta sentenza?
A nivel persoal que me devolve a miña dignidade. Eu non son como di ese señor (refírese ao xefe condenado): nin follonera nin mentireira nin outras cousas que me chamou. É a miña dignidade, é unha cousa moi sinxela: que rifemos por cuestións laborais de xeito cordial podo entendelo, pero os berros por cuestións persoais e que mintan sobre a miña persoa, non. Nin minto nin busco leas.
E a nivel laboral que me devolve ao meu posto de traballo nas condicións anteriores. Coa sentenza na man ese home non pode traballar comigo.
Sentenzas como a que vimos de coñecer resultan de grande transcendencia polas dificultades que supón demostrar a existencia do acoso e a impunidade na que adoitan quedar estes comportamentos no ámbito empresarial. Agardas que sirvan para mudar as actitudes permisivas de El Corte inglés (e outras empresas) cara estes comportamentos e que realmente a CITSA se converta nun órgano eficaz e operativo?
Espero que polo menos que sirva para que a xente que teña un problema poida solucionalo, iso é o que me gustaría. Dende logo, en El Corte inglés actuaron como actuaron comigo porque nunca creron que iría a xuízo (nin pola vía social nin pola vía penal, que está en fase de instrución) e nunca pensaron que fora gañar. Esperan que te derrubes e marches voluntariamente.
Foi relevante para ti que as persoas que te atenderan na CIG e no despacho A Sensu Contrario sexan mulleres feministas e con formación en violencia de xénero?
Foi relevante porque eu estaba perdida. Chegamos aquí por como me aconsellaron e apoiaron, porque senón eu non estaría aquí, iso tamén o teño moi claro. Porque nunha situación así estás perdida, podes saber algo, pero para as cuestións legais tes que ter plena confianza nas profesionais.
Tamén me agradou que a xuíza fora unha muller, sentinme máis cómoda. Dende a parte empresarial queríanme desacreditar e facer ver que me inventaba todo, pero a xuíza non o consentiu E sorprendeume gratamente que o fiscal se persoara e dende o primeiro minuto comezara a facer preguntas.
Teño que dar as grazas á xente que me acompañou até aquí e me axudou, o sindicato, as miñas avogadas, as compañeiras, a miña familia e, especialmente, o meu home. Esta sentenza tamén é importante para as miñas compañeiras porque gañar o xuízo despois de testificar é un amparo para elas.
Tes detectado outro tipo de comportamentos patriarcais na empresa? Asúmenos como algo normal as traballadoras e traballadores? Cres que o teu xefe se permitiu unha persecución tan constante e reiterada porque sabía que na empresa está implantada unha cultura condescendente con estes comportamentos?
Si, por suposto. El mantiña unha actitude de "eu aquí son o xefe e non me vai botar ninguén", consideraba que eran os seus almacéns, e facíao co amparo da empresa, por que como se pode considerar senón que non visitaran sequera o centro para comprobar o que estaba a pasar.
No caso do persoal mírase moito para outro lado, moi poucos compañeiros e compañeiras din algo, mais ben sentes que che fan o baleiro. Teño entrado no almacén moitas veces, estar a xente falando e calar de súpeto. Pero espero que isto cambie, comentáronme que despois de coñecer a sentenza había un ambiente máis relaxado na tenda.
O acoso sexual no traballo é un reflexo da sociedade machista na que vivimos e como tal moitas veces agóchase baixo a aparencia de bromas ou comentarios inocentes, invisibilizándose, trasladando a responsabilidade á vítima e deixando aínda máis indefensa. Que aconsellarías a unha muller que estea a pasar pola túa mesma situación?
Primeiro que tente falalo cos/as responsábeis da empresa que poidan solucionar a situación e se continúa, que denuncie, que loite polos seus dereitos como traballadora e a súa dignidade persoal. É moi duro, pero merece a pena. Na pelexa gañas confianza, ves o que che pasou dende outro punto de vista e dáste conta de que as cousas non son como queren facerche crer.
Cal é o seguinte paso nesta loita?
O seguinte paso é volver ao meu posto, recuperar a miña vida e traballar con tranquilidade. Eu só quero poder ter un ambiente cordial. Esa parcela é importante porque pasamos moitas horas no traballo.
E vou satisfeita porque mentiron para destruírme, animica e laboralmente, e non o conseguiron. Síntome orgullosa da xente que me acompañou e a onde chegamos e teño ilusión porque demostrei que se pode loitar e que non me teño que quedar acurralada nunha esquina. É importante loitar e tiven a sorte de contar co apoio da miña familia e das compañeiras que apostaron por min e que, a pesar do medo ás represalias, dixeron a verdade no xuízo.