Amplo seguimento nos paros parciais en Teleperformance contra os abusos laborais
Os traballadores e as traballadoras de Teleperformance na Coruña están secundando este luns unha xornada de paros parciais contra os abusos laborais e para esixir da empresa que cumpra cos acordos alcanzados coa representación social. Os paros desenvólvense de 12:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 17:00h horas, e coincidindo coa folga da quenda de mañá, o persoal realizou unha concentración diante as instalacións para visibilizar as súas demandas.
Con estes paros conclúe o calendario de mobilizacións acordado polo comité ante a nula vontade da empresa para resolver as numerosas problemáticas que lle veñen expondo dende hai anos e que se agravaron co inicio da pandemia. Tino Fernández, delegado da CIG no comité, explica que até o momento a compañía só incorporou un acuse de recibo no sistema único de comunicación, pero continúa sen atender o resto de reivindicacións sociais, como a relativa ao rexistro da xornada.
"Unha gran parte dos nosos problemas derivan do sistema defectuoso e inviabél do rexistro, xa que a empresa utiliza o sistema de control da produción para controlar a xornada e de aí veñen os descontos indebidos nas nóminas", salienta. Uns descontos que se producen de maneira habitual e recorrente, por ausencias debidamente xustificadas polo persoal, así como por desconexións por fallos técnicos responsabilidade de Teleperfomance.
Esta é unha das cuestións que o comité ten denunciado na Inspección de Traballo, pero non é a única problemática, xa que Teleperformance continúa sen ofrecer formación adecuada e suficiente e sen apoio tanto no centro como en teletraballo; négase a compensar de maneira xusta e decente os gastos derivados do teletraballo, tal e como recolle o RD 28/2020, e a pesar do incremento dos beneficios acadados pola compañía o pasado ano.
Xunto a isto, denuncian os movementos continuos de traballadores e traballadoras dunha campaña a outra; e que a empresa continúa sen trasladar toda a información á representación legal do persoal.
Por iso, tras esta xeira de mobilizacións, o comité volverase reunir a próxima semana para avaliar que medidas e accións desenvolver.