Amplo seguimento da folga en Celso Míguez para esixir o pago dos salarios e un plan de viabilidade
Traballadores e traballadoras de Celso Míguez están secundando este xoves unha xornada de folga para esixir o cobro dos salarios que a empresa lles adebeda, así como un plan de viabilidade que garanta a continuidade da actividade. Con motivo da folga, o persoal tamén realizou unha manifestación polas rúas de Pontevedra, onde a compañía ten a súa sede social.
Celso Míguez (dedicada á comercialización de pinturas) ten centros de traballo por toda Galiza e conta cuns 90 empregados e empregadas. Pero dende hai máis de un ano, os problemas no cobro dos salarios son frecuentes e nestes momentos a empresa débelles as tres últimas nóminas e as pagas extraordinarias de nadal e xullo, o que está a provocar serios problemas económicos ao persoal.
"Os pagos estanse facendo de maneira habitual con até tres meses de atraso, pero sempre evitando pasar dese tempo para que o persoal non poida presentar demanda de extinción de contrato por impago", explica Cecilia Tarela, da CIG-Servizos de Pontevedra, quen apunta que onte mesmo, véspera da folga, a dirección reuniu ao persoal pero non achegar ningunha solución nin prazo para facer efectivo o pago dos soldos.
A empresa acumula débedas pola mala xestión
A finais de ano, sinala Tarela, a representación social pediu unha auditoría e as contas da empresa "e o que nos atopamos foi cunha débeda de máis de 14 millóns de euros que inclúe débedas con Facenda e con provedores", advirte. Ante esta situación desastrosa, o comité demandou da dirección que presentaran un plan de viabilidade para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo, "pero o que están facendo é desmantelar a empresa a anacos, vendendo locais ou pechando establecementos que estaban alugados (e que tamén acumulaban impago dos alugueiros)".
Sobre como se chegou a este punto, Celia apunta á nefasta xestión empresarial "xa que traballo e vendas neste tempo non faltaron". De feito, engade que en pleno estado de alarma había clientela nas portas das tendas pero non materiais para lles vender". Explica que Celso Míguez é un almacén de pinturas que tiña exclusividade na comercialización de marcas de moito renome no sector pero que perderon pola mala xestión.
Á vista de que a empresa non ofrece ningunha garantía nos pagos nin presenta un plan de viabilidade, a representación social convocará os traballadores e as traballadoras a unha asemblea para avaliar as próximas accións e medidas a desenvolver.