Amplo seguimento na primeira xornada de paros no sector dos centros de chamadas pola paralización do convenio estatal
A CIG-Banca decidiu promover a convocatoria de paros no sector dos centros de chamadas de 00.00 a 1.00 horas na quenda de noite, de 12.30 a 13.30 na de mañá e de 19.00 a 20.00 na de tarde para denunciar que a negociación do convenio estatal se atopa totalmente paralizada e que a patronal mantén posicións maximalistas (quere reducir categorías laborais, eliminar horarios, etc.).
A xornada de protesta tivo un amplo seguimento entre os cadros de persoal das distintas empresas do país e centos de traballadores/as aproveitaron para concentrarse ás portas das instalacións, que nalgúns casos foron moi concurridas, como en Unísono e Bosch en Vigo, tal e como se pode observar nas imaxes que acompañan esta información.
Por outra banda, dende a CIG-Banca criticaron a actitude da Unitono, compañía con sede en Ourense, que ameazou os seus empregados/as con sancións se secundaban os paros ao entender que se trataba dunha folga ilegal. “A empresa dixo que a convocatoria non tiña validez porque non fora comunicada no SIMA en Madrid, cando ao ser de ámbito galego a comunicación ten que facerse á Xunta e ás patronais do sector, como así se fixo”, indican.