Amplo seguimento na folga contra os despedimentos a externalización da actividade en Facet Ibérica
O paro de dúas horas convocado este luns na planta de Facet Ibérica de Arteixo para denunciar a externalización da actividade e reclamar a readmisión dos sete traballadores/as despedidos/as a principios deste mes, rexistrou un amplo seguimento tanto entre o persoal de oficina como no do taller.
Coincidindo co tempo da folga parcial, traballadores e traballadoras concentráronse diante das instalacións de Facet Ibérica no Polígono de Sabón, entre ás 10 e ás 12 horas, dando visibilidade así ao conflito. Para a representación social, estes despedimentos hainos que enmarcar na estratexia de externalización da produción e desmantelamento do taller que está a levar adiante a dirección da empresa, de propiedade norteamericana.
Neste senso, rexeitan a suposta baixada da carga de traballo coa que a dirección pretende xustificar cinco dos despedimentos, xa que “non é certo que haxa menos traballo, o que pasa é que se está derivando a actividade a unha especie de taller paralelo que crearon en Cerceda, coa intención de desfacerse dos traballadores da planta de Arteixo e pechala", alerta o delegado da CIG, Miguel Sánchez.
Nas instalacións de Facet Ibérica traballan arredor de 70 persoas e para a representación social non existen causas obxectivas para aplicar estas rescisións, senón que estamos "ante uns despedimentos completamente ilegais e ante un ERE encuberto".
Pero ademais, a empresa quere desfacerse de maneira barata do seu persoal e xustifica dous dos sete despedimentos por causas disciplinarias, en base a supostas faltas laborais graves. Mais non cómpre perder de vista que estes dous despedimentos afectan a persoal que leva máis de 30 anos traballando nesta firma e que nunca antes fora obxecto de sanción ou advertencia por parte da dirección.
Diante desta situación, o persoal acordou realizar hoxe esta folga parcial de dúas horas e non se descarta convocar novas mobilizacións se a empresa continúa externalizando a actividade.