Amplo seguimento da folga na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra
A primeira das dúas xornadas de folga convocadas na limpeza de edificios e locais da provincia de Pontevedra para reclamar unhas condicións de traballo dignas tivo un amplo seguimento entre os cadros de persoal do sector, que aproveitaron para desenvolver mobilizacións en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía.
A incidencia do paro foi maior nas grandes empresas e nas compañías con concesións públicas, como Universidade, Concellos, delegacións da Xunta ou centros de saúde, mais tamén en organismos estatais como Instituto Social da Mariña e Seguridade Social. En canto ás empresas privadas, salienta o elevado seguimento en Stellantis ou no grupo Nueva Pescanova na área de Vigo ou Cabomar e Ence na de Pontevedra. Os centros comerciais tamén acusaron a convocatoria de xeito especial.
O labor dos piquetes informativos comezou ben cedo, con presenza en centros comerciais, organismos públicos, centros de saúde e hospitais e compañías de limpeza, onde se desenvolveron mobilizacións e se depositou lixo en sinal de protesta. Posteriormente leváronse a cabo concentracións e manifestacións polas rúas das tres localidades.
Para este martes día 12 hai convocada outra xornada de folga, que o persoal do sector aproveitará para desenvolver novas protestas. En Vigo terá lugar unha manifestación dende Vía Norte ás 19:00 horas, mentres que en Pontevedra sairá da praza da Peregrina á mesma hora. No caso de Vilagarcía haberá concentracións de 11:00 a 11:30 horas diante do Hospital do Salnés, de 12:00 a 12:30 horas diante do Concello de Vilagarcía e manifestación posterior polas rúas da localidade.
Dende as organizacións sindicais convocantes -a CIG e UGT-sinalaron que o convenio está caducado dende decembro de 2022, polo que a perda de poder adquisitivo das persoas traballadoras atinxe xa o 12%. Mais a patronal insiste nunha proposta de suba de salarios “insuficiente” e négase a reducir a xornada laboral. Os cadros de persoal, pola súa banda, reclaman un aumento de soldos do 3,1% para 2023 e dun 4% para 2024 e 2025, con cláusula de revisión para non perder poder adquisitivo. Mentres que o empresariado ofrece un 3,1%, 3% e 3%, pero sen revisión salarial a IPC.
Tamén reclaman un día máis de vacacións e outro de asuntos propios, e a modificación do artigo 5 para que cando nun centro de traballo se produza unha ampliación de xornada por parte do cliente ou por outros motivos “que esa xornada se reparta entre o persoal que non ten xornada completa; xa que agora se fai coas xubilacións, pero non coas ampliacións de xornada”.
As negociacións romperon o pasado mes de abril tras 16 xuntanzas, e o 17 de xuño tivo lugar unha mediación no AGA que rematou sen acordo. A finais de setembro reuniuse a comisión paritaria para abordar a interpretación do artigo do convenio anterior que establece a actualización salarial conforme ao IPC, algo que non se fixo en 2023. En consecuencia, a parte social decidiu presentar un conflito colectivo para que se aplique esta suba. “Independentemente da resolución xudicial, que pode tardar meses, nós queremos seguir negociando o convenio”, sinalaron dende as centrais.
Mais semella que a patronal non está pola labor, até o punto de que non se moveu das súas posicións “nin un milímetro” a pesar de que a parte social mesmo rebaixou as súas pretensións económicas durante a mediación. Por iso decidiron levar a cabo asembleas de persoas traballadoras, que optaron maioritariamente pola folga e as mobilizacións para darlle continuidade ao paro de 24 horas convocado en xaneiro e ás manifestacións e concentracións desenvolvidas en maio e xuño.
Dende as organizacións sindicais valoraron moi positivamente a resposta do persoal do sector e fixeron fincapé na necesidade de seguir a reivindicar na rúa un convenio colectivo digno para un sector caracterizado por unha elevada precariedade laboral, no que a gran maioría son mulleres con contratos a tempo parcial e que ingresan unha media de 300-400 euros ao mes. “Na pandemia considerábasenos esenciais, pero agora non se quere recoñecer o noso labor, mentres as empresas dispararon os seus beneficios neste período.”