Amplo seguimento da folga de Extel malia o intento de boicot da empresa
As traballadoras e os traballadores de Extel na Coruña están dando esta xornada unha nova mostra de dignidade e, a pesar dos intentos de boicot da empresa anunciando sorteos miserentos entre quen non se ausente do seu posto esta semana, a folga convocada para este mércores rexistra un seguimento do 65%. A sección sindical valora de xeito positivo esta cifra, tendo en conta que a convocatoria faina a CIG en solitario, e reitera que "as traballadoras e traballadores de Extel non nos vendemos e non imos renunciar a loitar polos nosos dereitos".
Con esta nova folga de 24 horas (que terá continuidade o mércores de 4 marzo) quérese rexeitara decisión unilateral de Extel de limitar o uso das horas médicas e a non validación dos partes de repouso, tal e como se veu facendo nos últimos 20 anos. Esta medida obriga as traballadoras e os traballadores a ter que coller unha baixa, aínda que sexa dun só día (co conseguinte prexuízo económico), pero o máis grave de todo é que a empresa pretende utilizar esta estratexia para xustificar despedimentos en base a un suposto absentismo.
De feito, a sección sindical da CIG lembra que xa foron despedidos e despedidas catro compañeiras por este motivo e que a empresa, e o conxunto da patronal do sector xa manifestou, na xuntanza da mesa do convenio colectivo estatal, a súa intención de continuar aplicando o artigo 52d do Estatuto de Traballadoras/es, que facilita os despedimentos por coller baixas de curta duración.
Aínda que o Goberno español anunciou que vai derrogar este artigo, até o momento non se avanzou nin un só paso nesta cuestión, e moito menos parece que o novo Executivo estea polo labor da derrogación íntegra das reformas laborais que facilitaron este tipo de abusos patronais. Por iso as delegadas e delegados da CIG xa avanzaron que manterán o calendario de folgas e mobilizacións previsto "até que Extel rectifique ou haxa sentenza xudicial". A este respecto, cómpre lembrar que a CIG ten presentado demanda de conflito colectivo polo cambio de criterio da empresa sobre o uso das horas médica se a validación dos partes, que está pendente de resolución xudicial.
Reunión este xoves coa dirección
A folga desenvólvese na véspera da reunión que a nova xerencia de Extel (adquirida hai unhas semanas por ABS) manterá mañá co comité e na que se aproveitará para demandar o cese deste ataque ao dereito á saúde do persoal, así como a readmisión das compañeiras e compañeiros despedidos.
No encontro, a CIG tamén demandará a reposición do persoal do departamento de Recursos Humanos, xa que a pesar de asegurar que non faría cambios, a nova propietaria reduciu este departamento despedindo unha traballadora e reubicando fóra a outras dúas persoas. "Se xa había antes problemas cos tempos de reposta ás peticións, revisións de incentivos, confirmacións de vacacións, como pretenden facer agora con dúas persoas para atender a un cadro de persoal de 640 traballadoras e traballadores?", inquiren.
Neste senso, a representación da CIG denuncia que resulta imposíbel crer as afirmacións da empresa de que van traballar para mellorar as condicións laborais, "cando as primeiras medidas que adoptan son tentar boicotear a folga con premios á asistencia, a pesar de ser ilegal, e recortar o departamento de RRHH de cinco a dúas persoas".