Amplísimo seguimento da folga en Vegalsa-Eroski para reclamar condicións laborais e salariais dignas
A primeira xornada de folga na historia de Vegalsa-Eroski está rexistrando un importantísimo seguimento, con centros de traballo funcionando a mínimos e tirando de persoal temporal, e cun reforzo inaudito no servizo de seguridade privada. Aínda que a incidencia é desigual, a CIG valora moi positivamente a resposta dada polas traballadoras e traballadores tanto á convocatoria de folga como ás mobilizacións realizadas este sábado para reivindicar condicións salariais e laborais dignas e máis contratación para poder afrontar a sobrecarga de traballo.
A folga afecta aos centros Vegalsa-Eroski da provincia da Coruña (agás Eroski City que son franquías) e ao hipermercado que a empresa ten en Ribadeo. Para darlle máis visibilidade á súa loita, as traballadoras e traballadores mobilizáronse este mediodía ao berro de “traballo por tres e non chego a fin de semana”, “Vegalsa paga mal e non deixa de explotar” ou “máis contratacións e mellores condicións”.
Na Coruña, centos de persoas saíron en manifestación dende o Eroski de Vioño, en Ferrol a manifestación partiu do Eroski do polígono da Gándara, en Compostela fíxose unha concentración no Eroski da Choupana e en Ribadeo a protesta foi diante do propio centro de traballo.
Alejandra Formoso, delegada da CIG, denunciou que os salarios de Vegalsa-Eroski son os máis baixos do sector (unha persoa de recente contratación percibe mil euros menos ao ano que unha de Gadis ou Froiz) e ademais teñen as xornadas máis longas ao non computárselle como tempo efectivo de traballo os 15 minutos de descanso. A isto súmanse peores condicións sociais e o esgotamento físico e mental das traballadoras e traballadores pola sobrecarga laboral continuada que teñen de soportar.
Este sobreesforzo, advertiu, levou a que neste momento os centros de traballo rexistren máximos históricos de absentismo. Pero na vez de facer novas contratacións e ampliar as xornadas do persoal a tempo parcial a empresa precariza aínda máis a este colectivo, mandándolle realizar horas complementarias ao seu antollo.
Por iso, as delegadas e delegados da CIG xa adiantaron que esta é a primeira xornada de folga que se convoca na historia de Vegalsa-Eroski pero non será a última, tendo en conta a negativa da empresa a escoitar as demandas do persoal para mellorar salarios, condicións laborais e reforzar a contratación. Formoso salientou que a decisión de ir á folga foi acordada de xeito maioritario polas asembleas de traballadoras e traballadores que xa fartaron de tanta precariedade e de ver “como cada vez nos empobrecen máis”.
A este respecto, lembrou que logo de numerosas reivindicacións e mobilizacións convocadas pola CIG “a empresa foinos dando pequenas pagas para tentar calarnos e non lle quedou outra que equiparar as táboas do convenio propio ás do convenio estatal de grandes almacéns, pero estas seguen sendo inferiores ás do convenio de comercio de alimentación da Coruña".
Aseverou Formoso que “temos moitísimas razóns polas que reivindicar e protestar” e animou o persoal a seguir na loita até conseguir condicións de traballo xustas.