Amplíase a xornada continuada no verán no sector da construción da provincia de Pontevedra

A CIG, que o ano pasado logrou incorporar este dereito ao convenio, salienta que agora se estende tamén ao mes de xuño
Pontevedra - 28 Mai 2026

Pontevedra continúa a ser, a día de hoxe, a única provincia galega que conta con xornada continuada no sector da construción durante os meses de verán. O ano pasado, grazas á mobilización e ao traballo constante da CIG, organización maioritaria no sector na provincia, conseguiuse incorporar esta medida ao convenio colectivo provincial.

“A central sindical loitou intensamente para facer realidade esta xornada continuada, que o ano pasado supuxo unha conquista histórica para a clase traballadora da construción. Este ano logramos ampliala tamén ao mes de xuño”, tal e como salientan dende a Federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG. 

A central sindical loitou intensamente para facer realidade esta xornada continuada, que o ano pasado supuxo unha conquista histórica para a clase traballadora da construción

Neste senso, explican que a implantación da xornada continuada responde non só á necesidade de protexer a saúde laboral fronte ao estrés térmico propio do verán, senón tamén á crecente demanda de medidas que permitan avanzar na conciliación. “Trátase, polo tanto, dunha iniciativa integral orientada ao benestar das persoas traballadoras”.

Esta e outras melloras recollidas no convenio provincial son exemplos do modelo que a CIG quere estender ao conxunto do país, apostando pola creación dun convenio marco galego da construción que permita decidir en Galiza as condicións laborais do sector, sen imposicións nin tutelas externas.

“Queremos un convenio galego que nos dea capacidade de decisión no noso país e que non veña marcado dende Madrid con imposicións alleas á realidade do sector aquí. Mentres en Pontevedra conseguimos a xornada continuada no verán, nas outras provincias galegas UGT e CCOO -que suman a maioría na negociación colectiva do sector- continúan bloqueando medidas coma esta e impedindo que a CIG poida impulsar avances reais para as persoas traballadoras. Esta desigualdade é inadmisíbel e debemos combatela con ferramentas propias”, sosteñen dende a central sindical.

Dende o 1 de xuño ao 31 de agosto

As persoas traballadoras da construción na provincia de Pontevedra gozarán da xornada continuada dende o 1 de xuño ao 31 de agosto, que se desenvolverá con carácter xeral entre as 7:00 e as 15:00 horas. O inicio da xornada poderá atrasarse até as 8:00 horas sempre que exista unha causa xustificada. Ademais, os 15 minutos de descanso para o bocadillo terán a consideración de tempo efectivo de traballo.

A FCM-CIG reafirma así o seu compromiso coa defensa dun modelo de negociación colectiva propio, adaptado á realidade laboral e social de Galiza, e orientado a garantir avances reais nas condicións de vida e traballo das persoas traballadoras do sector.