Ampla resposta de profesorado e alumnado afectado pola privatización e os recortes na FP
Unanimidade entre alumnado e profesorado non só dos centros directamente afectados pola última manobra da Consellaría de converter moitos ciclos presenciais na modalidade a distancia senón por outras decisións como a crecente privatización destas ensinanzas, tanto a través do fomento da FP dual como do incremento da oferta nos centros concertados e privados.
Ao longo da mañá sucedéronse as concentracións tanto en CIFP como en IES "que ven como todas as promesas de incremento da oferta, dos recursos materiais e do profesorado que se prevía despois de meses de propaganda do Plan Conecta FP quedaron totalmente diluídas e mesmo cun horizonte para o vindeiro curso moi desalentador", denuncia a CIG-Ensino.
As concentracións foron moi numerosas nalgúns centros como os CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro, Paseo das Pontes, Manuel Antonio, Ánxel Casal, Compostela, Politécnico de Santiago, A Xunqueira, Porta da Auga e os IES As Fontiñas, San Clemente, Chapela (Redondela), Politécnico de Lugo e de Vigo, Antón Alonso Ríos e Ricardo Mella. Tamén houbo un acto de protesta diante da Xefatura Territorial da Coruña.
Maior privatización
Nos actos de concentración, o profesorado comentaba todo o que vai implicar o fomento da FP dual e a distancia: unha maior privatización con potestade absoluta por parte das empresas para seleccionar e formar o alumnado, nalgún caso de forma integral como o novo ciclo dual de Gandaría e Asistencia en Sanidade Animal que se impartirá practicamente nas instalacións da cooperativa Clun en Melide.
Mais tamén unha perda na calidade educativa que vai levar a que titule moito menos alumnado (a modalidade online non está pensada para ensinanzas eminentemente prácticas como a FP) e se acaben pechando ciclos e, polo tanto, sobre profesorado a curto prazo.
As familias profesionais máis afectadas por esta transformación de ciclos presenciais en distancia son Administración e Xestión, Servizos á Comunidade e Informática pero tamén hai casos nas de Electricidade e Electrónica, Automoción e Imaxe e Son.
CIG-Ensino volve pedir a dimisión da directora xeral
Malia que non fora anunciado previamente, delegados e delegadas da CIG-Ensino acudiron a recibir o conselleiro de Educación e á directora xeral de FP á súa chegada ao CIFP Politécnico de Santiago para volver pedir a dimisión desta última pola nefasta xestión dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia destinados a potenciar estas ensinanzas para facer xusto todo o contrario, deixalas morrer a base de reducir moito a calidade da atención ao alumnado, algo que é o que está detrás do éxito sen paliativos dos últimos anos da Formación Profesional.
O vindeiro luns debátese no Consello Galego de FP a oferta formativa para o próximo curso, nun órgano que é meramente consultivo, e no que segundo a información enviada pola Consellaría non hai ningunha rectificación.
Non se atenden demandas de novos ciclos en centros públicos que si se sabe que se lle conceden á privada e mantense a transformación da oferta ordinaria e modular de adultos en distancia como xa se anunciara aos centros esta semana.
"Polo tanto, as palabras de onte do presidente Rueda no Consello da Xunta están en tela de xuízo porque sobre o papel non se garante que o alumnado que comezou os seus estudos de maneira presencial os poida rematar o vindeiro curso", advirte a CIG-Ensino.
A federación da CIG ten pensado volver pedir a dimisión da responsábel de FP en dita reunión se non hai ningún cambio de rumbo, "algo moi complicado cando o propio 23 abre o prazo de matrícula", e volverá afearlle á Consellaría a falta de interlocución durante todo o curso co profesorado e as súas organizacións sindicais ao respecto da xestión dunhas ensinanzas que cada vez teñen un peso e un prestixio maior na sociedade e que con estas políticas acabarán totalmente desmanteladas.