América Latina: un novo Plan Cóndor, con novos grupos de tarefas

Guillermo Cieza - 27 Abr 2018

A ofensiva imperial capitalista contra os pobos e os traballadores que promove o saqueo dos bens naturais e un incremento da superexplotación das forzas de traballo, vai acompañada dunha fonda campaña ideolóxica e cultural que tenta agochar baixo a alfombra as cuestións nacionais (as loitas antiimperialistas) e de clase (a loita de clases), e que limita os posíbeis avances da humanidade aos dereitos transversais

 Coñécese como Plan Cóndor a coordinación de gobernos latinoamericanos, promovida por EUA, para enfrontar na década do 70 distintas experiencias revolucionarias que se desenvolvían no continente, compartindo informes de intelixencia e realizando accións conxuntas, para desestabilizar gobernos populares e para asasinar, facer desaparecer e encarcerar militantes de esquerda.

 No plan Cóndor participaron os gobernos de Arxentina, Chile, Uruguai, Paraguai e Bolivia, en coordinación con EUA e a Axencia Central de Intelixencia (CIA). Os que investigaron esta iniciativa mencionan como inspirador o daquela secretario de Estado de EUA, Henry Kissinger. A participación de Arxentina iníciase cun goberno civil, o de Isabel Martínez, e continúa coa ditadura instaurada en 1976.

 No Plan Cóndor tiveron especial preponderancia os servizos de intelixencia e as forzas militares con mandato para exterminar o que cualificaban como inimigo interno. Segundo os chamados arquivos do terror, descubertos polo avogado Martín Almada en Paraguai en 1992, o plan Cóndor deixou un saldo de 50.000 mortos, por volta dos 30.00 desaparecidos e 400.000 presos. A estes resultados deben engadirse as torturas, o traslado de detidos a outros países e o constante seguimento e vixilancia a quen se caracterizaba como “subversivo”.

 O novo Plan Cóndor que nos últimos anos se puxo en marcha inscríbese noutro contexto político mundial. En primeiro lugar debe contemplarse a existencia dunha aguda crise do capitalismo onde os activos financeiros, o diñeiro expresado en papeis, perderon toda relación coa produción e os activos físicos. A crise iniciada en 2008, aínda en curso, non pode rematar se non é coa evaporación ou licuación do capital ficticio, o que trae como consecuencia unha feroz disputa polos bens naturais como a auga, a terra, os minerais e un incremento das políticas de saqueo e espolio cara aos países que os posúen. Sobre o mapa do saqueo, resistencias populares e localización de bases militares, é moi ilustrativo o traballo realizado desde hai anos pola investigadora mexicana Ana Ester Ceceña.

 En segundo lugar debe contemplarse o agravamento da pugna intercapitalista entre as potencias hexemónicas en devalo: EUA, a Unión Europea e Xapón, e as novas potencias emerxentes (China, Rusia, A India, Irán). Nesa pugna e ante a posibilidade dunha terceira guerra mundial, o control dos combustíbeis e os alimentos adquire carácter estratéxico.

 O novo no Novo Plan Cóndor é que comeza a se perfilar cara ao interior dos países dominados unha sorte de Estado de Excepción, que suscita o aparente paradoxo de forzas políticas que teñen un mandato de orixe constitucional-democrática, pero que actúan de modo ditatorial.

 No plano latinoamericano advírtese a aparición de novas forzas de tarefas, que comezan a xogar un papel decisivo no apaciguamento non só das experiencias revolucionarias en curso senón de rebeldía ou autodeterminación dos pobos, ou calquera intento de recuperación de soberanía política fronte ás políticas imperiais.

 Entre estas novas forzas de tarefas podemos identificar en primeiro lugar as que actúan no terreo da información e a propaganda. Estes son os monopolios mediáticos concentrados (xornais, radios e televisión), e os exércitos de comunicadores, produtores de 'trolls', que operan nas redes sociais. Esta nova forza de tarefa é capaz de instalar novas falsas (como a existencia de armas químicas en Iraq, ou o seu emprego polo goberno sirio na cidade de Duma), de demonizar, illar e xustificar a intervención militar directa contra gobernos e movementos considerados inimigos, e de xerar, contra toda evidencia, novas posverdades, por exemplo: “Non existe o cambio climático, trátase dunha campaña para prexudicar os intereses de EUA”.

 A outra nova forza de tarefa actúa no ámbito da aplicación da xustiza, onde aplican as leis antiterroristas contra os traballadores e para criminalizar a protesta social, utilizando as figura de asociación ilícita, de arrepentidos e da ampliación de facultades para impoñer prisións preventivas. Aínda que resulta paradoxal, estas mesmas leis están sendo aplicadas a referentes de gobernos neodesenvolvementistas que as aprobaron (caso Lula e dirixentes kirchneristas) apuntando a un dos seus puntos mais vulnerábeis, como son o financiamento irregular da política. (Con respecto aos procedementos utilizados para a recadación de fondos para sustentar millonarias campañas electorais, a quen ten acceso Netflix, recoméndolle ver ‘O Mecanismo’). O que aquí esta en xogo non é a batalla contra a corrupción (parece unha broma que a EUA, a Temer ou Macri lles puidese preocupar a corrupción), senón o castigo a calquera iniciativa, aínda dentro de proxectos capitalistas, que suscite algún nivel de autonomía con respecto ás políticas imperiais.

 Paréceme necesario precisar que non todos os países e gobernos agredidos polas políticas imperialistas de saqueo e apropiación dos seus bens naturais constitúen modelos de avance civilizatorio, nin se converten, pola súa condición de vítimas, en proxectos revolucionarios. A denuncia das guerras imperialistas en curso, a demonización mediática, o acoso xudicial, os bloqueos económicos, os bombardeos, os masacres, afectan principios básicos como son a autodeterminación dos pobos, pero non invalidan que poidamos caracterizar os camiños elixidos, precisando ademais que os máis vulnerábeis son os que menos apostaron pola construción de poder popular. Abonda con repasar o mapa de Latinoamérica e advertir quen resistiu e quen non, para que resoe a advertencia de Chávez ,“Non hai Patria sen socialismo”. Polas dúbidas, a referencia ao socialismo refírese á orientación estratéxica e ás experiencias e poder acumulado en procesos de transición coas súas idas e voltas, non a caracterizar que nalgún deses países se completase a transición ao socialismo.

 A ofensiva imperial capitalista contra os pobos e os traballadores que promove o saqueo dos bens naturais e un incremento da superexplotación das forzas de traballo, vai acompañada dunha fonda campaña ideolóxica e cultural que tenta agochar baixo a alfombra as cuestións nacionais (as loitas antiimperialistas) e de clase (a loita de clases), e que limita os posíbeis avances da humanidade aos dereitos transversais (que transcenden as clases e as nacións). Desde a nova cultura política que promoveu o neoliberalismo e a globalización capitalista, a consigna “Patria ou morte”, con que Ernesto Guevara puxo fin ao seu discurso nas Nacións Unidas, parece arcaica, pouco radical. Porén, consignas como estas son a última fronteira que explica a resistencia de pobos sometidos a condicións de acoso e ao fame como os que padecen o pobo palestino e o venezolano (e as que padeceu o pobo cubano durante o Período Especial). Como xa o advertía Mariategui, en países como os nosos o patriotismo é unha cuestión de clase, e só pode asumilo quen se desposuíu dos seus lentes coloniais.

 Como ocorreu co primeiro Plan Cóndor, quen son identificados como inimigos son todos aqueles que non son metabolizábeis pola dominación capitalista mundial na súa actual etapa. Porque se converteron nun atranco para a apropiación inmediata de bens naturais e o aumento da superexplotación da man de obra, ou porque constitúen proxectos de poder que cuestionan esa hexemonía. Resumindo, é inimigo e obxectivo a aniquilar o que lle quita o sono á nova orde capitalista mundial, como ameaza inmediata ou estratéxica.

 Paréceme conveniente reservar o concepto de radicalidade para esas manifestacións de resistencia non metabolizábeis polo sistema e non para expresións que só alarman os de abaixo e provocan ataques de risa dos que mandan. Pensando en revolucións que só poderán protagonizar os pobos, a palabra radicalidade está asociada a dialogo, a escoita, á relación horizontal, á preocupación por expresar as nosas propostas máis avanzadas nunha chave popular, e á procura permanente de construír pontes para a unidade dos de abaixo. Nunca á provocación, a magoar os sentimentos populares, ao sectarismo, a minimizar os esforzos por nos liberar expresados na historia nacional e do noso continente.

 

[Artigo tirado do sitio web La Haine, do 25 de abril de 2018]