América Latina: remata o ano mais non o ciclo

Alfredo Serrano Mancilla - 29 Dec 2016

Estes últimos anos constituíron un ciclo curto tumultuoso no que se igualan e rivalizan os proxectos. A hexemonía neoliberal non ía rematar nunha década por moito tempo que este lapso pareza

 Xa estamos no ano 2017, a piques de ser investido Trump como Presidente dos Estados Unidos, e entre mentres, Maduro continúa á fronte de Venezuela; Evo goberna en Bolivia; e o mesmo ocorre con Correa en Ecuador á espera do que suceda nas próximas eleccións do 19 febreiro. Os agoireiros da fin de ciclo esaxeraron. É innegábel que estamos ante un profundo avance da restauración neoliberal en América Latina, pero moitos excedéronse nos seus prognósticos apocalípticos. As derrotas electorais na Asemblea lexislativa en Venezuela (decembro 2015), no referendo pola repostulación en Bolivia (febreiro 2016) e a perda dalgunhas cidades importantes en Ecuador (febreiro 2014) supuxeron un importante revés ao progreso dos procesos de cambio. Porén, malia as infinitas dificultades, logrouse resistir. E, polo de agora, o trío nado en constituíntes non tira a toalla.

 A rexión indubidabelmente tivo importantes transformacións en clave política. Macri preside Arxentina cun xiro radical das súas políticas que procuran facernos esquecer da positiva herdanza K. En Brasil, o golpe de Estado de Temer permitiu un golpe económico co obxectivo de restituír a orde neoliberal. Non son cambios menores porque non son países calquera, nin polo seu tamaño nin pola súa importancia xeopolítica. A iso súmase o pacífico (Colombia, Chile, Perú e México) que prosegue o seu profundamento neoliberal malia as protestas cidadás. E Paraguai é un comensal máis nesta cea conservadora despois doutro golpe, o que se deu contra Lugo hai xa varios anos.

 Dunha forma ou outra, consolídase o bloque xeopolítico de dereitas no continente. A iso cómpre engadir unha fronte externa adverso que non debe subestimarse. Estamos inmersos nunha longa contracción económica mundial que é usada como escusa para fortalecer o espírito global neoliberal. Imponse progresivamente o sentido común propio das receitas dos recortes sociais, privatizacións que implican perda de soberanía, crecente darwinismo económico, supremacía do poder financeiro, reconcentración da riqueza en poucas mans. Esta racionalidade tamén se observa mesmo no do bloque máis progresista á hora de ter que decidir que facer ante unha situación hostil e complexa. Todo, absolutamente todo, está en disputa.

 Pero neste devir, hai un pequeno gran detalle que non pode ser descoidado. En calquera ciclo longo, obrigatoriamente débese afrontar moitos momentos costa arriba. Algúns propios de situacións alleas e outros como consecuencia das contradicións e tensións casa dentro. Nin todo é cor de rosa nin existe linealidade que valla cando se navega a contracorrente. E neses casos, aguantar e resistir o vento en contra é unha fortaleza excesivamente infravalorada nestes tempos nos que prevalecen as promesas baleiras e os globos de cores.

 A épica revolucionaria está habituada a edificarse conforme ao momento fundacional que adoita poñer punto e final en termos simbólicos co réxime antigo. Adoita ser escasamente sedutor o período que toca estar en resistencia. Non resulta sinxelo explicar nin argumentar que ante tales circunstancias históricas non queda outra alternativa que interromper relativamente o ritmo progresivo de melloras. Iso trunca drasticamente as crecentes expectativas e ten indubidabelmente un alto custo político. Para procesos políticos tan afeitos acelerar, frear é case unha renuncia a un selo de orixe.

 Da superación ou non deste momento histórico, dependerá que poidamos falar de fin de ciclo ou non. Polo de agora, o que si podemos afirmar é que estes últimos anos constituíron un ciclo curto tumultuoso no que se igualan e rivalizan os proxectos. A hexemonía neoliberal non ía rematar nunha década por moito tempo que este lapso pareza. O mesmo que as independencias necesitaron de moito percorrido para consolidarse, sería un craso erro histórico crer que agora todo se termina. Máis que ter paciencia, o que se require é levantar a ollada, mirar atrás na Historia e adiante cara ao Futuro, e seguir crendo que si se pode. Só se se acredita niso e se buscan as opcións considerando que o “pasado, pasado é”, este ciclo longo terá posibilidades de non se pechar. Polo de agora, acábase o ano e todo está tan incerto como aberto. O ciclo continúa non sen vaivéns. E supoñer que todo sería viaxar en VIP era crer demasiado en Santa Claus.

 

[Artigo tirado do sitio web CELAG, do 28 de decembro de 2016]