América Latina: Os tres casos onde a doutrina do 'shock' perdeu a partida

Nathali Gómez - 13 Dec 2023

Trinta anos despois do auxe neoliberal na rexión e das terapias de choque, a través de golpes dolorosos que tiveron contundentes respostas da poboación, o novo presidente arxentino pon sobre a mesa o 'déjà vu' dunha solución que considera exitosa a pesar do que di a historia

 Hai máis de tres décadas, os discursos de varios presidentes de América Latina á súa chegada ao poder ían polo mesmo camiño: a necesidade irremediábel dun doloroso e fulminante axuste para evitar a caída polo precipicio económico e fiscal. Porén, a historia demostrou que esas manobras neoliberais só aceleraron o descenso ao abismo da violencia e a pobreza.

 Hoxe, 30 anos despois, o mandatario arxentino Javier Milei, que acaba de tomar posesión como presidente, en liñas xerais, veu dicir o mesmo. Na súa primeira mensaxe como presidente no cargo expresou que non vai andar con andrómenas e que a dor será preferible á "sensiblera” do progresismo.

 Milei propuxo transitar un vieiro de escuridade para os arxentinos que, nas súas palabras, conducirá a esa nación a unha situación que comezará a mellorar até chegar a ver a "luz ao final do camiño".

Sen alternativa

 O fundador de La Libertad Avanza manifestou que "non hai alternativa posíbel ao axuste" e que non hai "lugar á discusión entre 'shock' e gradualismo", porque considera que "desde o punto de vista empírico todos os programas gradualistas terminaron mal, mentres que todos os de 'shock', agás o de 1959 [durante o Goberno desenvolvementista de Arturo Frondizi], foron exitosos". "A conclusión é que non hai alternativa ao axuste e non hai alternativa ao 'shock'", o que –advertiu– terá un impacto "negativo". Ademais prognosticou unha estanflación como "o último mal grolo para comezar a reconstrución de Arxentina".

Que é a terapia de choque?

 O termo de 'terapia de choque' é atribuído ao economista estadounidense Jeffrey Sachs, arquitecto do plan para acabar coa hiperinflación en Bolivia, en 1985. Porén, esta mesma práctica xa fora usada polo monetarista estadounidense Milton Friedman, en Chile, despois do golpe de estado que derrocou a Salvador Allende, en 1973.

 Segundo Friedman, "só unha crise –real ou percibida– dá lugar a un cambio verdadeiro" e, cando isto ocorre, as accións deben tomarse rapidamente, de golpe e de forma irreversíbel para provocar reaccións psicolóxicas que "facilitarían o proceso de axuste", recolle a xornalista canadense Naomi Klein no seu libro A doutrina do shock.

 Nese traballo, publicado en 2007, Klein refírese varios casos no mundo e na rexión –entre os que están Arxentina, Bolivia e Chile– de gobernos que pretenderon frear a hiperinflación "coa aplicación das medidas duras e drásticas correctas".

O caso chileno

 Entre os chamados casos modélicos da aplicación da terapia de choque en América Latina está o de Chile. No país suramericano mesturouse o impacto que xerara "o violento golpe de estado de Pinochet" co trauma causado por unha hiperinflación aguda, escribe Klein.

 Por iso, Friedman aconselloulle ao ditador que impuxese un "paquete de medidas rápidas" que incluían "redución de impostos, libre mercado, privatización dos servizos, recortes do gasto social e liberalización e desregulación".

 Pinochet, afirma Klein, fixo "os seus propios tratamentos de choque, levados a cabo polas múltiples unidades de tortura do réxime", o que foi o caldo de cultivo da vulnerabilidade psicolóxica da poboación.

As consecuencias exitosas?

 Xa o expresidente brasileiro Jair Bolsonaro catalogara de "exitosas" as prácticas económicas de Pinochet, o que foi negado por varios analistas, entre os que está o economista chileno Ricardo Ffrench-Davis, da Universidade de Chile.

 Na súa opinión, as reformas económicas neoliberais do militar teñen un balance "netamente negativo", que estivo acompañado de "dúas graves recesións, baixo investimento produtivo e alto investimento especulativo". Isto afondou "a desigualdade, os excesos de importacións, a desindustrialización, a deterioración da educación e do investimento público en saúde" e causou un "elevado desemprego".

A situación arxentina

 Klein describe o caso arxentino como "paradigmático" e lembra que en 1983, tras a disolución da Xunta Militar, foi electo como presidente Raúl Alfonsín, quen tiña como ameaza a chamada "bomba da débeda", a mecha da cal se acendeu nos anos de ditadura, produto dos elevados gastos que levaba o mantemento dun réxime represivo e torturador.

 Esta alarmante situación económica que recibiu non fixo máis que empeorar durante os sucesivos anos da súa administración nos que a débeda e o estancamento ían da man.

 Así, á súa chegada á Casa Rosada, en 1989, Carlos Saúl Menem (1989-1999) prometeu unha "cirurxía maior sen anestesia" co neoliberalismo sostendo o bisturí.

 Na súa xestión impulsouse "a concentración, a centralización do capital e a estranxeirización da economía" e laminouse a intervención estatal, a través da “liberación do mercado interno, o acceso ao capital transnacional e a privatización interna”, saliéntase en 'El trimestre económico', publicado polo Fondo de Cultura Económica (FCE).

 Estas medidas neoliberais tiveron o visto e prace dos investidores internacionais, de Washington, do Fondo Monetario Internacional (FMI), que as venderon ao resto do mundo como un exemplo a seguir.

 O seu sucesor, Fernando de la Rúa (1999-2001), mantívose na mesma liña e "recorreu unha e outra vez á solicitude de cuantiosos empréstitos internacionais ao FMI", segundo o FCE, o que irremediabelmente desembocou na súa renuncia tras o chamado 'corralito bancario', en 2001. Este estalido social, no contexto dunha grave crise multifactorial, estendeuse até a chegada á presidencia do finado Néstor Kirchner, en 2003.

O 'paquetazo' de Carlos Andrés Pérez en Venezuela

 O ocorrido en Venezuela sitúase na mesma narrativa da aplicación de políticas neoliberais na rexión, con consecuencias tráxicas que se viron case de inmediato.

 O recentemente electo presidente venezolano Carlos Andrés Pérez, propuxo, en febreiro de 1989, a necesidade dun "cambio de rumbo" e dunha "gran viraxe" que levaría o país aos brazos do FMI, que xa lle ditou a súa receita para aprobar un auxilio financeiro de 4.500 millóns de dólares pagadoiros en tres anos.

 "Non haberá vacilacións nin dúbidas no camiño que impón a construción da Venezuela moderna" dixo CAP –como era coñecido o finado exmandatario– ao anunciar o chamado "paquetazo" que, do mesmo xeito que nos outros países, incluía privatizacións; liberación de prezos e de taxas de xuros; incremento do custo dos servizos públicos e do transporte público.

 A promesa dun aumento da gasolina para o 26 de febreiro de 1989, desatou un día antes o chamado “Caracazo”, para buscar osíxeno no medio da asfixia económica, cuxa represión por parte dos corpos de seguridade do Estado deixou polo menos 3.000 mortos.

 Malia a resistencia popular, o acordo co FMI asinouse o 1 marzo e as manifestacións estendéronse até o 8 dese mes. Aínda que ese inédito movemento popular espontáneo non fixo que CAP deixase a presidencia nese momento, foi cualificado como o punto de inflexión para a súa saída, nos anos 90, e para o nacemento do chavismo.

 Estas experiencias en América Latina tamén se viron replicadas en países como Perú, onde Alberto Fujimori (1990-2000), quen, a pesar da súa minoría parlamentaria, optou tamén por acabar cos subsidios, liberalizar prezos e privatizar empresas.

 Agora, 30 anos despois do auxe neoliberal na rexión e das terapias de choque, a través de golpes dolorosos que tiveron contundentes respostas da poboación, o novo presidente arxentino pon sobre a mesa o 'déjà vu' dunha solución que considera exitosa a pesar do que di a historia.

 

[Artigo tirado do sitio web Actualidad RT, do 12 de decembro de 2023]