América Latina despois do referendo en Bolivia

Juan Manuel Karg - 09 Mar 2016

O retroceso electoral das opcións nacional-populares, progresistas ou posneoliberais bate cun dato que hai que revisar para completar a análise: a elevada adhesión que aínda así reflicten

O recente referendo de Bolivia mostrou o cambio ao que asiste a política rexional desde hai uns meses. Se 2014 fora o ano do triunfo das opcións progresistas -Brasil, Bolivia, Uruguai- o final do 2015 e o inicio de 2016 trouxo consigo un avanzo para as forzas conservadoras -Arxentina, Venezuela e Bolivia, aínda que só presidencial no primeiro caso-, que lograron modificar parcialmente a correlación de forzas rexional.

 Deste xeito, un debate volve rexurdir: finaliza o ciclo iniciado por Hugo Chávez en Venezuela, seguido por Lula e Dilma en Brasil, Néstor Kirchner e Cristina Fernández en Arxentina, Rafael Correa en Ecuador, Evo Morales en Bolivia e Daniel Ortega en Nicaragua? Se un se guía polos medios de comunicación hexemónicos da rexión (Globo, Clarín, Venevisión, entre outros) a caída do resto dos gobernos progresistas é inminente, aleccionados -de acordo a estes medios- por infinidade de casos de corrupción, nepotismo, desidia gobernamental, falta de respecto ás institucións e os DDHH, e un longuísimo etcétera.

 Por outra banda, negar as complexidades que afrontan estes gobernos sería dunha necidade extrema. Non só porque as dificultades son recoñecidas polos propios gobernos -por exemplo, cando Venezuela decreta a Urxencia Económica ou Brasil anuncia unha caída de 3.70% no seu PIB durante 2015- senón porque ademais a persistente caída nos prezos dos commodities -petróleo, cobre, soia- é un dato obxectivo da realidade internacional, que dana a estes países pero tamén a aqueles que teñen outra orientación política-ideolóxica nos seus respectivos Executivos.

 Dito isto, a pregunta pasa polos liderados e o caudal electoral. O retroceso electoral das opcións nacional-populares, progresistas ou posneoliberais bate cun dato que hai que revisar para completar a análise: a elevada adhesión que aínda así reflicten. Así, un 49% en Bolivia e Arxentina, e un42% en Venezuela, independentemente da diferenza no ton das eleccións -referendo, presidencial e lexislativas, respectivamente- resultan porcentaxes moi elevadas para decretar, como nalgúns casos liviamente fíxose, a fin deses proxectos, que conservan uns alicerces populares innegábeis.

 Hai catro preguntas que axudarán a ordenar o mapa político das opcións da esquerda rexional: que papel cumprirá Cristina Fernández no plano político-electoral de Arxentina a partir deste momento?; como ordenará Evo Morales a discusión en torno á súa necesaria substitución, visto e considerando que decidiu postergar esa definición até 2018?; como afrontarán Dilma Rousseff e Nicolás Maduro os intentos de “derrocamento legal” que as súas oposicións propoñen hoxe, para desaloxalos de Planalto e Miraflores?; e, para rematar, cal será o rol -local e rexional- de Luís Inácio Lula Da Silva, único sobreviviente do trío que conformou xunto a Chávez e Kirchner á hora da derrota do ALCA? Neses interrogantes, todos vinculados aos liderados rexionais, residen boa parte dos novos desafíos que afrontarán estes procesos políticos.

 Mentres tanto, as forzas nacional-populares, progresistas e da esquerda rexional deberán reformular as súas estratexias. Así como a dereita, durante anos de longa seca electoral, modificou discursos -e sobre todo formas- en vías a poder disputar de igual a igual fronte aos tanques electorais posneoliberais, os movementos sociais e políticos que pretendan retornar (Arxentina) ou manter o Executivo (o resto, polo momento) deberán facelo baixo un novo contexto rexional, e tamén baixo novos imaxinarios. Polo tanto, espazos como o Foro de São Paulo, ELAP e Bloque Progresista do Parlasur, expoñentes destas organizacións e os seus representantes, deberán reconsiderar liñas de acción xunto a un conxunto de think-thanks rexionais, como o Instituto Lula e o -próximo a lanzarse- Instituto Patria de Cristina Fernández de Kirchner, sumando o contributo doutras instancias de “intelectuais orgánicos” no sentido gramsciano.

 A dereita conta así mesmo cunha complicación adicional, máis aló do cambio obxectivo na correlación de forzas: xa comezou a gobernar na Arxentina, mostrando en pouco tempo que o discurso de “manter as políticas sociais” era máis ben iso, un discurso -visto e considerando a depreciación de Prat Gay, o aumento de prezos na cesta básica, os masivos despedimentos tanto no sector público como privado, entre outras medidas dos primeiros meses-. Así mesmo, nos países da Alianza do Pacífico vese con clareza a ausencia de políticas sociais estendidas: non hai Asignación Universal por Fillo -parte da suposta “pesada herdanza” kirchnerista en Arxentina-, non hai Bolsa Familia -Brasil-, non hai Bono Juancito Pinto ou Renta Dignidad -Bolivia-, e non hai Misiones Sociales -Venezuela-. Por iso México, Colombia, Chile e Perú non avanzaron en reducir as desigualdades ao interior das súas sociedades.

 Eses indicadores, lonxe de seducir a un núcleo novo de votantes, máis ben poderían chegar a dificultar a chegada de novas expresións nos países con gobernos posneoliberais. Con todo, en boa parte da rexión descoñécense estes feitos, referendados por indicadores de CEPAL. Por que? Por unha campaña de “embelecemento” mediático dese bloque de países, e unha crítica mediática furibunda sobre o resto. Polo tanto, unha necesaria reconsideración do momento de parte dos tanques de pensamento e organizacións afíns ao proxecto de integración rexional autónoma será a vía para promover unha adecuada resolución á poxa sobre a cal se cerne, unha vez máis, América Latina.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Alainet’, do 1 de marzo de 2016]