Ambulancias Ortigueira UTE reincide nas irregularidades e usa vehículos non aptos para o traslado de persoas contaxiadas de Covid19
Dende hai tempo, a FGAMT-CIG vén denunciando diante da autoridade laboral e do SERGAS as numerosas irregularidades cometidas pola empresa que ten adxudicado o transporte sanitario hospitalario na comarca de Ferrolterra, Ambulancias Ortigueira UTE, sen que até o momento a empresa teña corrixido as deficiencias.
Unhas deficiencias agravadas pola situación de emerxencia sanitaria que vivimos, que obrigan a extremar as medidas de prevención, protección e hixienización, nun sector fundamental para o sistema público de saúde, como é o do transporte sanitario.
Porén, "esta empresa está a empregar as ambulancias de tipo A2 para os traslados de usuarios/as infectados/as pola Covid 19", alerta Beatriz Fernández, secretaria comarcal da FGAMT-CIG. Este tipo de ambulancias de transporte colectivo, aclara, están acondicionadas para o transporte conxunto de doentes cuxo traslado non revista carácter de urxencia, nin estean padecendo enfermidades infecto-contaxiosas.
"Estas malas prácticas son continuadas, a pesar das advertencias que os delegados de persoal da CIG están a facer ante a empresa. Polo que esiximos á Ambulancias Ortigueira UTE e ao SERGAS que rematen dunha vez con estas actuacións temerarias que están a supor un grave risco, tanto para o persoal coma para os usuarios e usuarias das ambulancias", asevera.