“Ambulancias Civera incumpre cos pacientes e cos traballadores/as e a Xunta consinte”
Empregados/as do servizo de transporte sanitario non urxente (programado) da área sanitaria de Pontevedra-Salnés mobilizáronse hoxe no hospital Provincial para denunciar os incumprimentos da concesionaria, Ambulancias Civera, en materia de condicións de traballo e de saúde laboral. Os afectados/as censuran a complicidade da Xunta cunha situación que provoca atrasos no traslado de pacientes por falta de persoal e de vehículos.
A protesta desenvolveuse de 10:30 a 11:30 horas na entrada do centro hospitalario, na rúa Joaquín Costa (a carón da porta de consultas) e consistiu nunha concentración durante a que se despregaron dúas faixas nas que se podían ler “Ambulancias Civera incumpre cos pacientes e cos traballadores/as. A Xunta consinte” e “Nunca máis negocio coa saúde. Xunta e Civera cómplices”.
Dende a FGAMT-CIG de Pontevedra denuncian que a compañía está a incumprir de xeito reiterado os acordos asinados coa representación sindical en materia laboral e de prevención de riscos, non renovando por exemplo contratos a persoal formado para manter traballadores/as en peores condicións. Ademais, segue sen entregar a roupa de traballo e continúa sen lavar os uniformes (como establece o convenio e a lei de prevención de riscos), tendo que facelo o propio persoal nos seus domicilios particulares.
Tampouco rematou as obras pendentes na base, polo que os traballadores/as continúan contando unicamente cunha soa ducha e carecen dun lugar no que poden lavar a louza que usan nas comidas ou no café. “Por non falar de que as taquillas seguen como hai meses e que o mal funcionamento do servidor está a causar graves problemas informáticos”, denuncia Xavier Aboi, da FGAMT-CIG de Pontevedra.
Esta situación está a provocar un “caos” que afecta tanto aos empregados/as como ás persoas usuarias do servizo, polo que dende a FGAMT-CIG reclámanlle aos Sergas e á EOXI que “tomen cartas no asunto dunha vez por todas” para garantir un servizo “minimamente decente”, así como o cumprimento das obrigas laborais da empresa co seu cadro de persoal.