Ambuibérica segue incumprindo o convenio e contrata traballadores/as en prácticas cun 60% do salario
No decurso da concentración o representante da FGAMT-CIG, Inácio Pavón, asegurou, en declaración aos medios, que con estes incumprimentos Ambuibérica “busca aumentar o seu beneficio a costa dos traballadores e traballadoras e da calidade do servizo nas ambulancias”.
Pavón explicou que na área sanitaria de Santiago esta empresa ten a concesión das bases de Melide, Teixeiro, Lalín, Silleda, Negreira, Santa Comba e Muros e tamén está nos lotes da Costa da Morte, Vigo e Baixo Miño ademais de ter participacións en moitas outras pequenas empresas coas que se asociou.
Lembrou que no resto de bases da área sanitaria existe un acordo coas empresas (Ambulancias Casablanca e Ambupadrón), que garante o cumprimento do convenio e ao que Ambuibérica se nega “aducindo que senón perdería diñeiro”.
O representante da FGAMT preguntouse como pode ser que a unhas empresas si lles dea e a Ambuibérica non, se cobran exactamente o mesmo. “Algunha das explicacións veñen das características desta empresa que só se guía polo lucro, algo perigoso nun sector público como é o das ambulancias”.
Sinalou que Ambuibérica ten a súa sede en Valladolid, con dirixentes ligados ao Partido Popular, e que desembarcou no sector galego favorecida polo último concurso público das ambulancias de emerxencias. Alertou de que, previsibelmente vai levar boa parte do “pastel” no servizo programado (diálise, altas médicas, translados,...) que se resolve nos próximos días, cunhas bases sospeitosamente favorábeis á súa oferta.
Asegurou que esta empresa é coñecida no sector polas súas prácticas antisindicais e que foi condenada en numerosas ocasións por vulnerar o dereito dos traballadores noutras comunidades. Explicou que en Aragón mesmo foi sancionada por estafa ao facturar sistematicamente viaxes falsos, mesmo a persoas falecidas. “Esta é a súa ética empresarial que antepón os seus intereses e beneficios económicos frente a calidade dun servizo público que debería ser atendido de outro xeito polas administración”.
Traballadores/as en prácticas cun 60% do salario
Inácio Pavón denunciou que aquí pretende o incumprimento do convenio colectivo e que non atende as demandas sindicais de cumprimento dos horario, salarios, condicións das bases, desinfección de uniformes, etc. A isto engadiu que “desde que se ten denunciado esta situación a empresa contratou só traballadores en prácticas que cobran un 60% do salario e non superando os 900 euros no mellor dos casos por unha xornada completa”.
Os traballadores denuncian a situación de precariedade e as ameazas que sofren e advirten da peor calidade do servizo que se presta nestas condicións. Ademais denuncian que o 061, o SERGAS e a Xunta “miran vergoñentamente para outro lado” e demandan que asuman a súa responsabilidade nun servizo público como este.
Demandan que se faga, desde a administración un seguimento da calidade do servizo que presta ás/aos doentes e das condicións dos empregados e empregadas. “A responsabilidade desta situación é do PP e da Xunta, responsábel do servizo que prestan estas empresas, e así o denunciaremos até que se solucione esta situación”.