Ambuibérica e Ambulancias Casablanca renuncian ás concesións do servizo en Santiago e no Barbanza
Delegados e delegadas das bases de ambulancias da Área sanitaria de Santiago compareceron esta mañá en rolda de prensa para demandar a negociación do convenio colectivo, caducado desde hai dous anos; alertar do inminente concurso para adxudicación de novos lotes pola renuncia presentada por Ambuibérica e Ambulancias Casablanca aos de Santiago e Barbanza; denunciar o incumprimento mesmo das condicións hixiénico sanitarias nos vehículos e denunciar tamén a posíbel perda da ambulancia de Rianxo e dunha ambulancia de noite en Arzúa.
As traballadoras e traballadores do sector de ambulancias loitaron durante ano e medio para conseguir que se cumprira o convenio colectivo, fundamentalmente no referido a salarios e condicións laborais. Cando por fin conseguiron que se respectaran salarios, horarios e demais, agora as empresas néganse a negociar o novo e ademais varias presentaron a renuncia a determinados lotes, que na Área sanitaria de Santiago se corresponden cos de Santiago e Barbanza.
A xustificación é unicamente económica e, segundo explicou o responsábel do sector de Transporte da CIG de Compostela, Inácio Pavón, isto débese precisamente a que esas mesmas empresas concursaron por debaixo –até nun 6,5%- do prezo que marcaba a propia Xunta de Galiza.
Segundo denunciou Pavón, “a súa pretensión era facer negocio e obter beneficios incumprindo as condicións do convenio e do propio servizo” e, de feito, as propias empresas intentaron responsabilizar a traballadores e traballadoras de non obtelos por ter estes reclamado cobrar as cantidades que lles correspondían legalmente.
Por iso solicitaron xuntanzas tanto coa consellaría de Sanidade como co 061: para coñecer as condicións que se establecerían no novo concurso e para advertir das deficiencias que hai actualmente para que se puideran solucionar. “Sabemos en que condicións está agora o servizo e non nos gustan, pero non sabemos en que condicións vai estar despois. Este é o momento de que se solucionen os problemas, xusto cando se vai sacar un novo concurso”, explicou o responsábel do sector de Transporte da CIG de Compostela.
Porén, non houbo resposta algunha por parte da administración, polo que nin teñen a confirmación oficial –si oficiosa, por parte das propias empresas solicitantes- de que se aceptara a renuncia a eses lotes, nin das condicións que se contemplarán nas novas plicas.
Entre mentres, as traballadoras e traballadores, reciben noticias, non confirmadas, de que nese novo concurso non se contemplaría a ambulancia de Rianxo, que presta servizo 12 horas, ou que a ambulancia de Arzúa pasaría de prestar servizo 24 horas ao día a só 12. Por iso exixiron información, non só para as veciñas e veciños das zonas afectadas, senón tamén para as traballadoras e traballadores.
Ambulancias lavadas nas rúas e uniformes nas casa
Entre as cuestións que incumpren as empresas apuntaron que os uniformes, que habería que desinfectar entre emerxencia e emerxencia pola posibilidade de que haxa infeccións, se lavan nas casas ou que as ambulancias, que terían que ser desinfectadas por unha empresa acreditada, se lavan nas rúas.
Isto ocorre porque as bases están ubicadas en pisos ou baixos de edificios normais que carecen de zonas de aparcamento reservadas e menos preparadas para realizar eses labores de limpeza.
A isto engadiron que “hai un volume altísimo de servizos e non hai posibilidade de facer limpeza e desinfección do vehículo como se debería” e cuestionaron que teñan que ser os propios traballadores e traballadoras quen faga eses labores. “Hai riscos biolóxicos e no hospital non son os médicos quen limpan despois dunha operación, porque hai uns protocolos específicos dunha operación a outra que seguir, por iso tería que ser feito por unha empresa especilizada”.
Esta situación está xa denunciada na Inspección de Traballo e dela teñen coñecemento tanto a a consellaría como o 061, pero “nunca tomaron cartas no asunto”.
Descolgue do convenio e rebaixa salarial do 25%
O delegado da CIG na base de Padrón, Ramón Núñez, denunciou que as empresas non só non queren negociar un novo convenio senón que mesmo solicitaron o descolgue do que foi aprobado hai seis anos e que está caducado desde hai dous. “Propoñen recortes en todos os aspectos do convenio no que xa incumpren respecto a uniformidade, limpeza, bases… Queren rebaixar un 25% os salarios e véndeno como unha forma de aforrar no servizo”.
Diante desta situación anunciaron que haberá mobilizacións para exixir información, a retirada dos descolgues salariais que solicitaron as empresas e a negociación do novo convenio que as empresas queren manter conxelado. Rexeitan calquera proposta que pretenda rebaixar salarios e que se lle dea solución a todos os incumprimentos denunciados.