“Alzar a voz, tomar a palabra”. O profesorado, protagonista de novo na defensa dos seus dereitos
Tras da intensa campaña de mobilizacións posterior á sinatura do acordo que implicou unha importante renuncia na loita pola mellora das condicións de traballo do profesorado e que levou ás rúas a miles de docentes, a CIG-Ensino dá un novo paso no seu compromiso de dar todo o protagonismo ao profesorado na loita polos seus dereitos e pola mellora do ensino público.
Fronte ao inmobilismo, desprezo e desconsideración tanto do conselleiro de Educación como do presidente Rueda, a CIG-Ensino, xunto con STEG e CSIF, bota a andar unha intensa campaña en todos os centros educativos cunha recollida de sinaturas ás portas das eleccións autonómicas do día 18 de febreiro.
O obxectivo da campaña é poñer de novo o foco no profesorado, dándolle a palabra e a oportunidade de alzar a voz fronte á negativa do goberno galego a asumir o rexeitamento maioritario ao acordo que unha minoría sindical (CCOO, ANPE e UGT) subscribiu coa Consellaría de Educación o pasado mes de outubro e que contou coa rúbrica de Rueda. O actual presidente da Xunta non se moveu da negativa do conselleiro a encetar unha nova negociación que, superando o pactado, mellorase as importantes renuncias e eivas dese acordo.
Unha mensaxe clara e contundente ao próximo goberno da Xunta
A convocatoria de eleccións autonómicas, poucas xornadas após os peches protagonizados por representantes sindicais da CIG-Ensino, STEG e CSIF en San Caetano, marca un novo obxectivo: trasladar unha mensaxe clara e contundente ao goberno que saia das urnas da xornada electoral do 18 de febreiro. Esta nova acción levará á CIG-Ensino a percorrer de novo, dun xeito intenso, todos os centros para recabar o apoio do persoal docente.
O lema que acompañou as mobilizacións e folgas dos meses de outubro, novembro e decembro, O PROFESORADO NON SE VENDE, segue a ser e será o mesmo goberne quen goberne a Xunta: o profesorado galego non pode seguir sendo o que peores horarios ten no Estado (e no noso caso cun acordo sindical de por medio), nin pode agardar un tempo inasumíbel para a redución das ratios, nin pode aceptar que non se tomen medidas reais para eliminar a burocracia innecesaria e reducir aquela que non lle corresponde asumir ao profesorado. O colectivo docente galego non vai permitir que lle pasen a man polo lombo e lle neguen dereitos e dignificación profesional.
A campaña, que comeza hoxe luns, 8 de xaneiro, levará a representantes sindicais da CIG-Ensino e os sindicatos que comparten esta acción a contactar co profesorado de todos os centros durante as próximas semanas e o resultado será trasladado ao goberno que saia das urnas do 18 de febreiro para forzar un diálogo que, até o momento, a Xunta gobernada polo PP nega.