Alter Summit denuncia a vergoñenta situación no campamento de Moria e as políticas migratorias da UE
Na última reunión celebrada pola coordinadora de Alter Summit para preparar a vindeira asemblea de novembro, debateuse, a proposta da CIG, a preocupante situación que se está a dar cos movementos migratorios na Unión Europea, agravada pola pandemia da covid19 e coa súa orixe nas políticas imperialistas e coloniais das grandes potencias sobre as zonas en conflito, das que algúns estados da propia UE veñen sendo artífices directos ou cómplices.
É por iso que se acordou facer público o seguinte comunicado ao respecto coa valoración tamén da nova proposta feita pública pola UE estes días sobre o “Pacto para o asilo e a migración”.
O novo pacto para o asilo e a migración: continuísmo das políticas da UE coa sombra da vergoña de Moria
Unha vez máis, a situación nas fronteiras de Europa - en particular no campamento de Moria, en Lesbos, devastado por un incendio na noite do 8 ao 9 de setembro - revela a non política da Unión Europea respecto da migración. O obxectivo parece ser o deterioro da situación, independentemente das consecuencias humanas e sociais.
O incendio de Moria volve pór en evidencia as consecuencias e os fracasos da política extracomunitaria"
Lembremos que cada día perden a vida ducias, incluso centos de persoas, intentando chegar ás costas europeas. Decenas de miles pereceron nas últimas décadas no mar Mediterráneo. A dobre moral da UE, que se apresura a denunciar calquera violación dos dereitos humanos onde lle convén, convértese nun silencio xordo cando chega ao seu propio territorio.
O incendio de Moria, onde viviron máis de 12.000 persoas, volveu poñer en evidencia as consecuencias e os fracasos desta política extracomunitaria:
- O confinamento sistemático das persoas emigrantes que chegan a Europa sen ter en conta o dereito a moverse e a non seren fechadas e illadas sen motivos
- Fallos administrativos na xestión de arquivos que obstrúen os campos e deixan á xente en infinita espera
- A non recolocación das persoas solicitantes de asilo, deixando toda a carga da xestión a uns poucos países da UE (Grecia ou Italia en particular).
Esta política, que nega calquera solución a quen busca refuxio, reforza aínda máis a ilegalidade que pretende combater. De feito, que mellor solución podería haber para os e as exiliadas que poder saír sen esta xestión kafkiana feita na UE? Estes centos e miles de novos inmigrantes indocumentados chegarán así a alimentarao exército de traballo semiescravo tan ben valorado por certos empresarios e polos enterradores da lexislación laboral e da seguridade social.
Entón, que hai que facer?
Reforzar a represión nas fronteiras? Prohibir o rescate de persoas afogadas? Prohibir os barcos que atracan nos portos europeos? Utilizando satélites ou drons para deter o fluxo de migrantes? É unha perda de tempo, demagoxia!
A experiencia demostra que dificultar a travesía non impide que ninguén probe sorte; as únicas consecuencias palpábeis desta política son máis mortes nas fronteiras e máis cartos para a mafia e para o sector militar-industrial que come os subsidios para xestionar as chamadas”fronteiras intelixentes”.
Temos que aceptar esta realidade: mentres a situación mundial sexa a que é, composta por inxustiza social e violencia inaceptábel (da que a UE e algún dos seus estados é corresponsábel), millóns de persoas emigrarán para ir onde a vida parece máis aceptábel.
As únicas consecuencias palpábeis desta política son máis mortes nas fronteiras e máis cartos para a mafia e para o sector militar-industrial"
Unha Europa digna abordaría a raíz deste problema, desmantelando os mecanismos que trasladan a riqueza dos países do sur aos centros do norte a través do acaparamento de recursos por parte de empresas multinacionais, a imposición de políticas neoliberais por parte de institucións internacionais ou redes de corrupción política.
O 23 de setembro de 2020 a Comisión Europea presentou o seu "Novo Pacto para o asilo e a migración". A pesar do seu nome, este pacto está en liña coa continuidade da actual política europea. Xa coñecemos o senso do reforzo das fronteiras exteriores, reiterado para a ocasión. A "eficacia" dos procedementos de asilo pode resultar nun filtrado reforzado das solicitudes, un maior uso das ferramentas de control (como Eurodac, a base de datos de impresións dixitais) e prazos de apelación máis curtos, todo isto contra o dereito das persoas a beneficiarse de procedementos correctos.
Polo que se refire á nova "solidariedade europea", é bastante improbábel que os países que hoxe se negan a recibir máis solicitantes de asilo cambien de opinión. Os estados terán efectivamente outras dúas opcións para "apoiar" un país en dificultades: "patrocinar" e así financiar e asegurar a expulsión de persoas rexeitadas, ou poñer a disposición recursos financeiros, materiais ou humanos para operacións de apoio ao país en dificultades.
No que atinxe ás "canles legais de inmigración", o obxectivo segue a ser atraer só "talento" para fortalecer a competitividade do continente europeo: isto segue a asemellarse a unha fuga de cerebros organizada en beneficio das empresas europeas e en detrimento dos países que fornecen os recursos.
Finalmente, as "asociacións internacionais" utilizaranse aínda máis para cumprir os requisitos migratorios da Unión Europea.
Aínda que as consecuencias sobre o terreo deste novo "pacto" non foron avaliadas polo miúdo, os fundamentos da política migratoria europea seguen inalterados; militarización e exteriorización de fronteiras, administración de procedementos de xestión e utilitarismo económico.
En consecuencia, Alter Summit pide:
- Unha política de rescate real de migrantes no mar e a fin do estorbo a quen o fai.
- Unha recepción digna e aberta (sen confinamento e puntos quentes) e un procedemento eficaz pero sobre todo xusto: acceso ao procedemento, prazos aceptábeis de apelación, presenza de asociacións, extensión dos criterios de asilo a novas realidades, cambio climático, orientación sexual, etc.
- A apertura de canles reais para a inmigración legal: estudo, traballo, asistencia humanitaria, saúde, etc. Así como a regularización de inmigrantes sen papeis presentes en Europa, coa obriga de igualdade de dereitos económicos e sociais para todos e todas, coa fin de evitar a segregación social.
- Cambiar as políticas comerciais e de cooperación para deter o saqueo e a desestabilización dos países do "Sur global".