Alter Summit analiza a situación política, social, económica e laboral en Europa
París acolleu unha nova asemblea de Alter Summit, os pasados días 4 e 5 de outubro. Dúas xornadas nas que se debateu sobre a situación política nos diferentes países; abordouse o desenvolvemento de loitas como o colectivo de traballadores/as de Correos indocumentados/as; analizáronse as perspectivas de Alter Summit; desenvolvéronse talleres temáticos e estableceuse un plano de traballo para 2020 no que se debateu a proposta presentada pola CIG.
Segundo explica o responsábel de CIG-Internacional, Xosé Lois Rivera, no primeiro punto realizouse unha rolda de intervencións, nas que se explicou a situación política e social actual nos diferentes países europeos e a influencia dos respectivos estados e da propia Unión Europea. “Fíxose especial énfase nas mobilizacións que existen en Francia dos chalecos amarelos, os últimos procesos electorais nalgúns estados, como o español, e ao Parlamento Europeo, a nova Comisión Europea, o contracumio do G7, as mobilizacións polas pensións nalgúns lugares, e as últimas mobilizacións polo cambio climático”.
A este respecto, concluíron que “en moitas destas mobilizacións, a resposta foi moi desigual, tanto no apoio, como no tempo, polo que se fai necesario unha maior coordinación para confluír naquelas loitas que son comúns a todos e todas”.
Loitas colectivas
Respecto das loitas colectivas, ao igual que se fixera co colectivo de riders, nesta ocasión acudiron á asemblea representantes do colectivo de traballadores/as de correo indocumentados/as, e da Rede Internacional dos centros de chamadas. “Explicaron a súa situación precaria e de auténtica explotación, no primeiro caso por estar traballando de xeito totalmente irregular e non cobrar grande parte das horas que realizan, a pesar de que unha parte da empresa responsable é de titularidade pública, e no outro, tamén polas precarias condicións que sofren e a progresiva deslocalización das empresas que explotan este sector, que rematan ubicando os seus centros estratéxicos en países do norte de África, principalmente en Casablanca, cando as chamadas son en francés, ou en países de Sudamérica, cando o idioma que necesitan é o español”, sinala Rivera.
Por iso solicitaron o apoio de Alter Summit e a colaboración para ampliar os contactos dos colectivos a nivel europeo.
Perspectivas de Alter Summit
Sobre esta cuestión, Xosé Lois Rivera explica que se analizou o papel que debe xogar Alter Summit de cara ao futuro, en función da actual situación, logo de valorar o realizado, os logros e as carencias, e ter en conta as consideracións feitas pola CIG na súa proposta e doutras que se fixeron sobre a marcha.
Rivera salienta que “grande parte das intervencións coincidimos en que debemos darlle outro impulso a Alter Summit, se queremos que non se quede en algo simplemente testemuñal, á hora de presentar alternativas ás políticas neoliberais que se están a instalar en Europa nos últimos anos”.
A partir de aí desenvolvéronse catro talleres temáticos nos que se abordou, en cada un deles, a loita feminista e perspectivas para o 8 de marzo seguinte; a situación política en Europa; o seguimento da asemblea de riders e traballo dixital.
Perspectivas, Plano de Traballo para 2020 e proposta da CIG
No documento que a CIG presentou, fanse unha serie de consideracións e propostas partindo dunha introdución que trata de contextualizar a conxuntura actual a nivel mundial e, nomeadamente a nivel europeo, do punto de vista económico, político e social. Unha conxuntura marcada pola guerra pola hexemonía económica que manteñen entre os EEUU e China; o papel doutros países emerxentes e, polo que nos atinxe, como afecta todo isto a Europa.
“Isto, a inmediatez do Brexit, a proliferación de conflitos bélicos ligados a intereses económicos e xeoestratéxicos, ao máis puro estilo colonial e intervencionista dos EEUU e a OTAN en moitas rexións do mundo (Oriente Medio, Irán, Siria, Libia, Iemen, Venezuela, Brasil,…) vai condicionar o futuro, no que xa se augura, segundo un número importante de analistas, unha nova crise económica”, augura Rivera.
Xunto a isto o documento da CIG recolle que a crise xurdida no 2008 foi o pretexto para levar a cabo todos os recortes que sufrimos a clase traballadora. Recortes nos servizos públicos, recortes en salarios, recortes en dereitos laborais e cívicos, e recortes en democracia e liberdade. Sobre isto, Rivera apunta que “a crise seica pasou e, mentres temos unha nova á porta, aínda non recuperamos os dereitos que nos foron roubados”.
O documento advirte ademais de que a xente do común da Unión Europea, a clase traballadora, non vai quedar exenta das consecuencias desta situación global. De feito, a UE é en si mesma unha institución creada, non para os pobos que a compoñen, senón ao servizo do capital e as grandes corporacións. Ademais, é unha estrutura ríxida, hermética e pouco democrática. As principais decisións tómanse en organismos que non se escollen por sufraxio directo (Consello e Comisión Europea), acompañadas da tutela do BCE e o FMI (a famosa Troika).
Ten unas regras, logo dos tratados de Maastrich e de Lisboa, que fan imposible saírse do seu marco, e con este tipo de estrutura, resulta moi difícil a calquera goberno dun país poder aplicar políticas distintas as marcadas no seu seo, claramente neoliberais.
Por iso a CIG considera que “é por iso que, desde Alter Summit, debemos facer unha reflexión sobre as nosas actuacións, no pasado, no presente, e no futuro, a curto e a máis logo prazo, se de verdade queremos dar cumprimento ao obxectivo que nos marcamos coa súa creación de “construír unha relación de forza coas políticas neoliberais europeas”.
Entende que debemos ser capaces de construír esa verdadeira alternativa ás políticas neoliberais que nos están impoñendo desde a UE e que “están levando ás clases populares dos nosos pobos a empeorar as súas condicións de vida ata límites alarmantes.
Por iso entre as propostas presentadas para seren debatidas na asemblea desde a CIG apuntáronse:
- Mellorar no ámbito organizativo, dándolle o rigor necesario que necesita unha plataforma seria. E iso comeza por clarificar exactamente quen somos, que organizacións permanecen como membros de Alter Summit, cales cotizan, como se reparten as cotizacións, en función das posibilidades económicas,…E, unha vez aclarado isto, tratar de ampliar o número de organizacións e de países que participen al A.S.
- Someter a debate na Asemblea a participación ou non de organizacións políticas en AS. Ou non participan ou, se cremos conveniente que o fagan, deberemos marcar os criterios para que poidan participar distintas organización políticas e respectar a pluralidade dentro da esquerda, e non deixalo a criterios arbitrarios de relación persoais de amizade ou políticas. E o mesmo no que se refire á nosa relación ou participación noutros foros que compartan os nosos obxectivos. Colaboraremos se se dan esas circunstancias de pluralidade, non para apoiar a unha soa forza política.
- Marcar unha folla de ruta sobre o traballo e as campañas a desenvolver no futuro, programalas, secuencialas, concretalas e organizalas. Isto pódese facer por grupos que elaboren as propostas, para sometelas á aprobación da asemblea. Convidamos a que se fagan propostas ao respecto e, pola nosa parte, x afacemos algunhas (que haberá que seleccionar e priorizar, dada a imposibilidade de facelas todas dunha vez):
1º) A Loita feminista:
Aproveitar o traballo desenvolvido nestes últimos anos nalgúns países e por algunhas das organización presentes para tratar de estendelo no resto e crear unha dinámica propria e protagonizada polas organizacións de mulleres e as organizacións sindicais, de cara a loitar pola verdadeira equiparación de dereitos entre homes e mulleres, sobre todo no eido laboral. Agora ben, na nosa proposta tamén insistimos en darlle a esta loita o enfoque de loita de clases, obreiro e revolucionario, e fuxir dese outro burgués, conxuntural, light, superficial e homoxeneizado que se fomenta nos medios afíns ao poder.
2º) O cambio climático:
Parécenos un problema de suma transcendencia e, precisamente por iso, queremos que se afronte con total seriedade e a todos os niveis: local, rexional e global. Propomos que, a diferenza do que se está a facer ultimamente coa “moda ecoloxista”se faga incidencia nas causas que provocan ese cambio climático e os actores responsables, e non tanto nas súas consecuencias, que xa ninguén pon en cuestión.
Non resolveremos o problema do cambio climático se non cuestionamos o modelo produtivo e económico capitalista, ligado á explotación de recursos de xeito salvaxe e colonial, e ao seu baseamento nun sistema de produción desmesurado e consumista que, ademais de degradar o medio, crea unas relacións inxustas entre as persoas. Temos que afrontar esta loita propondo un modelo alternativo que nos permita facer unha transición xusta, cara outro que sexa sostíbel, saudábel, equilibrado, cunha cadea de produción e consumo de proximidade, máis xusto e menos individualista e pensado para o ben colectivo.
3º) A uberización das relacións laborais:
Debemos seguir dando o noso apoio ao colectivo de riders en Europa, na súa loita por acadar un marco de relacións laborais, acabar co fraude dos/as falsos autónomos e esixir unas condicións de traballo e salariais dignas. Xa temos algunhas sentenzas en relación con esta problemática, e algún exemplos de gobernos que están por regular estes sectores, como Noruega, ou o Estado de California. Sigamos coordinando todas as acción en cada lugar, tanto xurídicas como na rúa, e tratemos de parar este sistema de contratación e relación laboral que está creando un grave precedente para o futuro.
4º) O impacto das Reformas Laborais e a urxente recuperación dos dereitos perdidos:
Cos mesmos argumentos que estamos a desenvolver a campaña de recuperación de dereitos no noso país, cremos necesario coordinar unha loita en Europa para recuperar todos os dereitos que nos foron arrebatados coa desculpa da pasada crise.
5º) Defensa dos sistemas Públicos de Pensións:
Os colectivos de pensionistas xa se están a mobilizar en distintos lugares, pola defensa do sistema público de pensións, de xeito organizado e desde hai tempo: Galiza, Euskadi, Italia, Francia, etc. E están exercendo bastante presión sobre os seus respectivos gobernos, sobre todo en período electoral. Esa problemática está xa a ser común á maioría dos países da U.E., e será outro ámbito no que promover a protesta e as mobilizacións contra as intencións de recortes e de promoción dos plans de pensións privados. Sería tamén interesante trasladar a preocupación a quen máis vai padecer as consecuencias destas reformas no futuro: a xente nova, que non vai ter posibilidades de contar cunha pensión digna cando chegue á súa idade madura.
6º) Campaña por un sistema tributario progresivo, máis xusto e equitativo:
Ademais de padecer todos eses recortes dos que falabamos, é a clase traballadora a que, na maioría dos países da U.E., soporta o maior peso na aportación aos respectivos presupostos nacionais, incrementando aínda máis o nivel de desigualdade. Sexa pola vía de impostos indirectos que se pagan por igual, sexa pola grande desproporción entre as rendas por rendemento de traballo e o capital. Sería bo facer un estudo comparativo entre os diferentes modelos tributarios en Europa e, en base aos resultados, facer unha campaña para corrixir as diferenzas e desaxustes inxustos.
Finalmente, concluíu a reunión cun estudio do balance económico e o presuposto previsto para o vindeiro ano.
Quedan as propostas pendentes de aprobación ou non.
París, 5 de outubro de 2019
Departamento de Relacións Internacionais da CIG