Algunhas teses sobre Israel e a criminal destrución de Gaza

Xavier Vall Ontiveros - 27 Nov 2023

O que tamén puxo de manifesto esta guerra de exterminio é a irreversíbel deriva fascista do sionismo. Israel, desde que se constituíu como estado, foi construíndo un réxime de apartheid, baseado na desposesión e a expulsión dos palestinos das súas terras

 En primeiro lugar, a destrución da franxa de Gaza por parte de Israel puxo de manifesto a crueldade extrema dunha guerra que non é unha guerra, porque é totalmente asimétrica, desigual; porque enfronta un dos exércitos mellor provistos militarmente do mundo contra unha milicia; porque ten como principal obxectivo o aniquilamento da resistencia do pobo palestino, a súa desaparición do mapa. Non acontecerá de forma inmediata, malia o elevado número de vítimas. O que espera o estado de Israel e o sionismo con esta operación totalmente desproporcionada é crear unha sensación de terror tal que nunca máis ningún palestino se atreva a levantarse e a resistir; causar unha vaga de desesperanza e unha fuxida cara a ningures, unha nova nakba; que nunca máis ningún país da rexión se atreva a pór en dúbida a Israel (máis aló de palabras baleiras). Porén, a resistencia do pobo palestino demostrou ser moi teimosa durante case oito décadas de ocupación.

 En segundo lugar, a raíz do estouro da brutal agresión, evidenciouse con total crueza a hipocrisía do discurso humanitario occidental. Os Estados Unidos e todos os seus vasalos sen excepción deron cobertura e xustificaron por activa e por pasiva o dereito de Israel a “defenderse”. Pero a retórica da «orde mundial baseada en regras» esvaeceuse; ningunha referencia á vulneración do “dereito internacional”; ningunha denuncia de “crimes de guerra” cometidos polo exército invasor (hospitais, escolas, universidades e bloques de vivendas son neste caso obxectivos militares totalmente lexítimos). Aínda que a agresión israelí rachou a unanimidade total no discurso que caracterizou a intervención por delegación na guerra entre Rusia e Ucraína, as reaccións dos gobernos occidentais van desde a xustificación total da intervención israelí, pasando por alto e obviando descaradamente os masacres cometidos contra a poboación civil, até certa indignación moral que nos feitos non se acompaña de ningunha medida efectiva e que en todo caso queda diluída e compensada pola, esta si, necesaria condena “ao terrorismo de Hamás”. Non só os intentos de manter certo discurso humanitarista (que non pasa da compaixón e as mostras de rexeitamento) non son críbeis, senón que delatan a falacia mesma do discurso, aplicábel só en función da comenencia para os intereses occidentais. O que se presenciou até o momento é que Israel gozou de impunidade total para destruír literalmente Gaza; que todos os países que apoian a intervención israelí permaneceron impasíbeis; ou, como máximo, impotentes, cando tentaron (ou finxiron tentar) pór límites a esta brutal agresión. Abonda con ver o patetismo co que estiveron suplicando a Israel que bombardee con medida (pódese ser máis hipócrita e vil?). Con todo, na práctica, os Estados Unidos e os seus lacaios europeos vetaron sistematicamente as propostas de resolución introducidas no Consello de Seguridade da ONU para impor un cesamento do fogo e apostaron, en troques, polo estabelecemento de «pausas humanitarias» (pódese ser máis revirado?); pausas «humanitarias» que Israel aplica, obviamente, ao seu xeito e segundo lle convén.

 En terceiro lugar, a brutalidade da agresión foi acompañada dun simbolismo atroz que ten como obxectivo solidificar o imaxinario da invencibilidade e a superioridade do agresor a través da negación da humanidade dos palestinos. Todo vale para conseguir o obxectivo da derrota total e a humillación do “outro” bárbaro. O ataque ao hospital Al Shifa foi un dos episodios máis crueis desta campaña de destrución e exterminio. O argumento, apoiado polos propios servizos de intelixencia americanos, é que xusto debaixo do edificio estaba o cuartel de Hamás: probabelmente outra historia sobre supostas armas de destrución masiva... Naturalmente, non importan os mortos provocados por este e outros criminais ataques que se cebaron en hospitais e centros sanitarios, na poboación civil. Tampouco importa se realmente había un cuartel de Hamás ou non. Outro feito simbólico significativo é a ocupación militar e destrución do parlamento de Gaza, parlamento que, dito sexa de paso, xa fora destruído previamente en 2009. A mensaxe que contén este acto simbólico é evidente: os palestinos nunca se van poder autogobernar, porque están destinados a sucumbir e a desaparecer. Todo iso acompañado da inestimábel colaboración dos medios de desinformación de masas: os criminais bombardeos israelís son tratados desde unha aséptica neutralidade, cando non se relativizan os custos humanos e cando non se omite descaradamente que se trata de crimes de guerra. Un contraste chocante coa orientación altamente emocional e dramática da cobertura da Guerra de Ucraína, por exemplo. Xa se sabe que hai diferentes categorías de mortos...

 En cuarto lugar, o que tamén puxo de manifesto esta guerra de exterminio é a irreversíbel deriva fascista do sionismo. Israel, desde que se constituíu como estado, foi construíndo un réxime de apartheid, baseado na desposesión e a expulsión dos palestinos das súas terras. Desde hai máis dun século, o sionismo foi construíndo o seu proxecto sobre a lóxica europea e norteamericana da colonización: afírmase que os colonos teñen un dereito inalienábel a apropiarse de terras baleiras; só que estas terras non están realmente baleiras e os seus habitantes son expulsados pola forza, esgrimindo os colonizadores a hostilidade ou non-humanidade dos moradores do lugar. Aínda que o sionismo foi durante a meirande parte do século XX fundamentalmente laico, a súa fusión cun identatitarismo xudeu ortodoxo, racista e excluínte, era un camiño natural. A mingua do progresismo é, neste sentido, froito da propia insostibilidade de asociar todo proxecto progresista (xa non digamos de esquerdas) a unha lóxica de expansión e colonización que conduce directamente ao aniquilamento do pobo palestino. O goberno de extrema dereita de Netanyahu só é a expresión acabada desta confluencia inevitábel entre o proxecto sionista e o discurso identitario dos colonos ultraortodoxos radicalizados, máis interesados que ninguén en consolidar o grande Israel e en facer totalmente inviábel calquera forma de autogoberno palestino. De feito, se se hai que ater á real politik, xa o é: aínda que a «comunidade internacional» –os Estados Unidos e a súa corte– fale da solución dos «dous estados», non se lle outorga ningún tipo de posibilidade fáctica.

 En quinto lugar, é abraiante que o lobby sionista continúe, a estas alturas, empregando á mantenta a acusación de antisemitismo contra todo aquel que ousa condenar o estado de Israel polo seu expansionismo e a súa política de apartheid –a pesar de que esta deriva fascistizante e que as accións militares indiscriminadas e terroristas do réxime de Israel deberían escandalizar a todo aquel que teña presente a memoria do holocausto–. Obviamente, esta acusación diríxese especialmente contra a esquerda antiimperialista e internacionalista, mais a sombra do antisemitismo paira tamén sobre calquera que se atreve a cuestionar o relato sionista do xardín democrático crecido no medio do deserto. Esta estratexia difamatoria acaba banalizando o concepto antisemitismo, identificándoo co antisionismo (cando as vítimas da barbarie nazi ou os pogromos eran totalmente alleas ao movemento sionista) e descontextualizándoo historicamente. O proxecto sionista, esencialista e etnicista por natureza, acaba sendo branquexado en nome da memoria do holocausto, que se converte, por un deses paradoxos crueis e diabólicos da historia, nun pretexto para xustificar unha política de colonización e exterminio.

 En sexto lugar, aínda que non se falou demasiado diso, detrás desta brutal guerra de aniquilación está a omnipresencia da xeopolítica imperial. A estratexia xeopolítica de Israel pasa pola culminación da creación do grande Israel, coa conseguinte expulsión do gran groso da poboación palestina dos seus territorios ou o seu illamento en guetos. Tamén pasa pola creación dun estado de terror que paralice e divida o mundo árabe: só así espera neutralizar a natural hostilidade circundante. De feito, desde a Guerra dos Seis Días (1967), os réximes árabes, conscientes da imposibilidade de venceren a Israel, foron abandonado os palestinos á súa sorte, en nome dun realismo político que aos palestinos lles parece traizón. Con todo, tampouco se pode esquecer que Israel logrou formar o seu potencial militar a partir do apoio activo dos Estados Unidos e os seus vasallos. Israel é, neste sentido, un xendarme e un peón ao servizo dos intereses de Occidente, fomenta a inestabilidade na rexión e constitúe unha ameaza para os países que o rodean (ver Siria, país do cal Israel anexionou a rexión do Golán e ao cal rende tributo enviándolle periodicamente agasallos en forma de mísiles; impunemente). Pero é ao mesmo tempo un peón cunha axenda propia e que escapa ao control estrito do imperio americano. A pulsión expansionista irresistíbel do Grande Israel pode derivar nunha guerra rexional de consecuencias imprevisíbeis. Non está nada claro, malia o apoio firme do Tío Sam e a pesar das numerosas bases militares que ten esparexidas polos países árabes (tamén en Siria e en Iraq, onde nunca foi convidado...) que o padriño norteamericano, con frontes abertas en Rusia e por abrir en China, estea disposto a unha aventura tan explosiva e perigosa. Polo momento, a reacción xenocida de Israel pode sepultar durante anos os acordos de Abraham, a partir dos cales o imperio americano empezara a conseguir o recoñecemento formal de Israel por parte dalgúns países árabes e magrebís (a mesma Arabia Saudita estaba a piques de asinar), a cambio de contrapartidas. Un cambio de cromos tan escandaloso como propio do mercadeo xeopolítico.

 Por último, a criminal guerra de Israel contra Gaza parece interromper, de momento, o feitizo atlantista de boa parte da esquerda europea, que nos últimos tempos tragou alegremente co conto de fadas da guerra de Ucraína e apoiou, en nome da loita pola democracia e a liberdade, o gasto armamentístico e a remilitarización do continente. O perfil baixo da OTAN e os distintos gobernos europeos á hora de apoiar a Israel, conscientes da importancia do apoio popular á causa palestina, é máis que indicativo respecto diso. As contradicións estouran por todos os lados: imposíbel xustificar totalmente a agresión. Por moito que se tentou a estratexia de situar o inicio da historia do conflito no ataque de Hamás do 7 de outubro, por moito que os medios colaboren gustosamente en simplificar os feitos e a historia, é realmente difícil borrar da memoria o oprobio que sufriu o pobo palestino baixo a bota de Israel desde 1948. A mobilización contra esta guerra de agresión empeza a organizarse e é boa nova. Porén, haberá que ver si vai máis aló do beco sen saída da condena moral e resulta ser unha oportunidade para reconstruír unha posición internacionalista e antiimperialista sólida e coherente.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 27 de novembro de 2023]