Alertan sobre a retirada do helicóptero contra incendios do Barco de Valdeorras
O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense vén de coñecer que a Consellaría do Medio Rural retirou o helicóptero contra incendios que leva operando na base de Vilanova, no Barco de Valdeorras, dende o ano 1992. Na central denuncian que se trata dun dos Distritos cunhas das orografías máis complicadas do país e dun alto valor ecolóxico e forestal e esixen o seu regreso a un enclave fundamental para loitar contra o lume na zona.
Dende a federación de Administración explican que a Base de Helicóptero de Vilanova do Barco de Valdeorras do Distrito XIII, “na que se investiron centos de miles de euros”, atópase a día de hoxe pechada e sen helicóptero, “estando totalmente desaproveitada para a protección do medio e incumprindo o obxectivo para o que fora concibida”.
Lembran que o Distrito XIII ten lugares dunha importancia paisaxística ecolóxica e forestal enorme ,como a Serra do Eixe, con máis de 5000 hectáreas de piñeiro silvestre; o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, cunha das escasas concentracións de aciñeiras de toda Galiza; así como o Teixedal de Casaio, un dos poucos bosques de teixo existentes en Europa. Tamén sinalan a importancia de enclaves como o Macizo Central, as ribeiras do Bibei, Xares e Návea.
Sosteñen que todos estes espazos naturais contarían cunha altísima protección noutros lugares de Europa, “mentres que aquí quedan ao dispor da sorte se nos remitimos aos datos deste Distrito no que a número de lumes se refire”. Indican que este Distrito é o mais complicado en termos de orografía, humidades relativas medias e temperaturas moi altas, onde a velocidade de propagación é elevadísima, “podendo crear lumes de cuarta xeración cun compoñente convectivo moi importante, o que intensifica a gravidade da emerxencia por lume forestal”.
Arranxo da base e volta do helicóptero
Diante disto, o tempo de reacción é fundamental para poder permitir a capacidade máxima de control de lumes na fase inicial, “xa que despois nas condicións frecuentes de meteoroloxía e orografía na comarca de Valdeorras pode provocar -como así sucedeu- lumes forestais de altísima intensidade e perigo, polo que a presenza do helicóptero nesta zona dende 1992 tiña unha razón técnica de ser”.
Polo tanto, consideran que a retirada desta dotación é un erro moi grave e reclámanlle aos responsábeis da Consellería que “fagan o imposíbel” para arranxar os “supostos problemas” que presenta a citada base e esixen o retorno inmediato do helicóptero de Vilanova.