Alertan de que o persoal administrativo e de limpeza dos centros educativos volve ao traballo sen protección
Dende a CIG-Autonómica alertan de que o persoal administrativo e de limpeza dos centros educativos volverá ao traballo sen protección algunha fronte ao novo coronavirus e denuncian que levan 15 días instando a Consellería de Educación a sentarse a negociar a desescalada e a non improvisar a incorporación do persoal laboral e de administración xeral.
Sinalan que en todo este tempo os responsábeis do departamento autonómico nin negociaron nin actuaron na toma de medidas preventivas fronte á Covid19. “E agora, debido á decisión da apertura do prazo de matricula para o alumnado (decisión que tomaron na mesma Consellería), o persoal administrativo e de limpeza comezará a prestar servizos presenciais a partir do vindeiro luns 11 sen ningún tipo de protección”:
A Consellería entende que con manter a distancia de dous metros é suficiente
-
A Consellería entende que con manter un distanciamento social de arredor de 2 metros é suficiente.
-
Considera innecesaria a colocación de mamparas (colocar unha mesa como obstáculo parece a medida máis acaída). O que non se aclara é como se recolle a documentación da matrícula dende tal distancia, ou como se lle poden dar indicacións aos usuarios.
-
Despois de que moitos centros cederan o seu material hixiénico e de limpeza, agora o panorama é que a Consellería non vai prover de luvas nin de máscaras nin de xel hidroalcohólico ao persoal, tendo en conta que no caso do persoal de limpeza isto é básico.
-
A nivel organizativo tampouco se adoptaron medidas, nin en como debe ser o acceso e o tránsito nas dependencias, nin se tratou de implementar un sistema de atención de cita previa que impidan a aglomeración de persoas.
-
En relación ao persoal de limpeza, tamén nega a necesidade de material de protección para as tarefas de limpeza e desinfeccióne non establece os protocolos necesarios para esta situación, remitíndose directamente ao acordo do Cecop.
-
E relacionado con isto, pensa a Consellería facer os test da Covid19 ao persoal de limpeza que estivo desprazado en residenciase centros de Política Social, antes de que entren en contacto coas compañeiras, alumnado, pais e nais ou demais usuarios/as dos centros? Vai dotar a este persoal de EPI?
A CIG considera que o servizo que se presta nas secretarías é similar ao que se presta nun rexistro ordinario polo que as medidas que se teñen que tomar son as mesmas, e que as tarefas de limpeza e desinfección neste momento son de vital importancia. Por iso as traballadoras/es que as desenvolven deben estar máis protexidas/os ca nunca, xa que se expoñen directamente ao virus e ademais terán que empregar produtos de elevada toxicidade.
Censuran que a Consellería, que pediu ser excluída da Guía de actuación preventiva ante o coronavirus no ámbito da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galiza, publicada no DOG do 17 de abril, recomende agora empregala aínda que exclúe expresamente o persoal dos centros educativos e tampouco aplica o protocolo do Estado que é mais sinxelo e directo, “polo que non exerce a súa responsabilidade co persoal vulnerable, poñéndoo en risco deliberadamente”.
Sen conciliación nin teletraballo
Educación tampouco ten en conta o persoal que ten menores/maiores a cargo, xa que non contempla ningún tipo de permiso ou conciliación ou teletraballo neste sentido.
Por iso aseguran que chega con publicar uns consellos hixiénicos para o persoal en caso de pandemia como única actuación. “A desidia da conselleira transfórmase nun desprezo á saúde dos traballadores/as e dos usuarios/as dos centros de ensino e coloca a esta Consellería no número 2 do ranking de neglixentes despois de Política Social”.
Finalmente, lembran que a partir do luns só volverá ao traballo o persoal administrativo e o de limpeza, tal e como di a Resolución do Cecop do 5 de maio, polo que o resto do persoal non docente non ten que reincorporarse.