
Alertan da “situación crítica” do SEPE: falta de persoal, fallos informáticos e dobre lexislación

A CIG-Administración vén de alertar sobre a “situación crítica” na que se atopa o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) como consecuencia da falta de persoal, dos problemas informáticos da existencia dunha sobre lexislación. Neste senso, denuncia que non todas as persoas que perciben un subsidio ingresan a mesma cantidade.
Tal e como sinalan dende a central sindical, nos últimos catro anos o SEPE perdeu en Galiza un total de 85 persoas empregadas públicas, “o que sumado aos postos que xa estaban vacantes afectou negativamente á calidade do servizo”.
Ao mesmo tempo, a nova aplicación informática (ALMA) atópase incompleta, o que retarda a xestión dos expedientes e o tempo de resolución das prestacións por desemprego. Os períodos de atención son máis longos e as persoas usuarias enfróntanse a atrasos e dificultades para acceder aos seus dereitos.
“A isto súmase que en breve vanse tramitar máis expedientes pola nova aplicación, o que vai agravar a situación”. A maiores, prodúcense interrupcións no funcionamento das aplicacións informáticas, “complicando aínda máis o funcionamento do servizo e dificultando a atención á cidadanía”.
Medidas urxentes
Outra problemática que afecta o servizo ten que ver co feito de que o recoñecemento dos subsidios por desemprego se rexe por dúas lexislacións distintas dependendo do momento en que se xerou o dereito. “Isto crea confusión e dificulta a comprensión dos requisitos e procedementos entre a poboación; ademais, non todas as persoas que perciben un subsidio ingresan a mesma cantidade”.
En consecuencia, a CIG esíxelle ao SEPE que tome medidas urxentes para solucionar estes problemas e para garantir un servizo de calidade para a cidadanía.