Alertan da posíbel existencia de amianto nas instalacións que se van demoler na praza de abastos de Ourense
A Unión Comarcal da CIG de Ourense vén de alertar sobre a “máis que segura” presenza de amianto nas instalacións que se van demoler na praza de abastos, polo que reclama que se extremen as medidas de seguridade tanto durante os traballos como na xestión de residuos.
Dende a central sinalan que este material tóxico se atope especialmente nas placas de fibrocemento que cobren a maioría das instalacións, postos de venda e rianxo. “Sería necesario tamén un estudo previo para saber se no edificio principal tamén puidera haber amianto, tanto nos materiais de construción como en instalacións de illamento e calorifugado”, sinalan.
Neste senso, esixen que se cumpra escrupulosamente coas normas recollidas no Real Decreto 396/2006, do 31 de marzo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicábeis aos traballos con risco de exposición ao amianto.
Lembran que esta normativa establece, entre outras, as seguintes obrigas:
-Que a demolición a leve a cabo unha empresa inscrita no Rexistro de Empresas con Risco de Amianto (RERA).
-Elaboración dun Plan de Traballo exhaustivo, que deberá ser presentado perante a autoridade laboral, que deberá tutelalo e comprobar o seu estrito cumprimento.
-A habilitación de vestiarios móbiles especiais e duchas, así como a posterior recollida das augas residuais.
-Se fose preciso, deberase illar a zona de traballo. Na CIG consideran especialmente importante este aspecto, tendo en conta que os traballos se van realizar en pleno centro da cidade.
-A roupa de traballo dos operarios/as deberá ser un buzo flexíbel, de material antiadherente, provisto de cubrecabeza e sen petos nin aberturas.
-A roupa de protección, luvas e filtros, terán que ser desbotábeis e tratadas como residuos de amianto.
-Proverase de elementos de protección respiratoria.
-As persoas traballadoras deberán recibir a información e formación necesaria para estar en condicións de realizar o traballo en condicións de seguridade.
-Hai que garantir a vixilancia da saúde por parte da empresa, con recoñecemento médico previo e obrigatorio, e con controis post ocupacionais.
Intervención do Concello
Dende a CIG sinalan o que se vai acometer na praza de abastos é unha obra que require respectar unha condicións moi esixentes de seguridade “a fin de garantir a saúde de quen a vai realizar, e de toda a poboación que poda circular polas inmediacións”.
Por todo isto, propoñen que, ademais da xa prevista legalmente intervención, control e tutela da autoridade laboral, o Concello dedique esforzos e medios materiais e humanos para levar a cabo os traballos de forma segura, “poñendo a Ourense na vangarda da prevención de riscos e do traballo seguro”.